Catalunya

O Supremo rexeita os recursos contra os indultos a Cuixart e Sànchez

Aval do TS ao indulto parcial a Jordi Cuixart e Jordi Sànchez, tras resolver a corte que partidos e representantes no lexislativo non teñen lexitimidade para apelar sobre esta cuestión.
Jordi Cuixart en xullo. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)
photo_camera Jordi Cuixart en xullo. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

Os recursos presentados pola ultraespañolista Vox e tres ex deputados de Ciudadanos contra os indultos parciais do Goberno español a Jordi Cuixart e Jordi Sànchez, ex presidentes de Òmnium Cultural e a Assemblea Nacional Catalana respectivamente, foron desbotados a quinta feira polo Tribunal Supremo español.

As apelacións foron rexeitadas pola Sala do Contencioso-Administrativo, que resolveu non admitilas por considerar que nin as formacións políticas nin representantes no lexislativo están lexitimados para recorrer os indultos. Este órgano asumira esta mesma decisión en 2022, mais o asunto volveu a debate após rectificar a resolución a nova composición da sala, que abrira a porta a consideralos lexítimos.

Fican pendentes de resolverse 27 recursos presentados por Vox e forzas conservadoras contra os indultos, como o referente ao ex vicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras, que preside Esquerra Republicana de Catalunya, ou ex conselleiros como Raül Romeva, Jordi Turull e Dolors Bassa.

Asemade, o ex conselleiro de Interior catalán Miquel Buch foi condenado a quinta feira pola Audiencia de Barcelona a catro anos e medio de cárcere e 20 anos de inhabilitación, ao ser acusado de prevaricación e malversación por designar un mosso d’esquadra, Lluís Escolà, para protexer o ex presidente catalán, Carles Puigdemont, cando exiliou. Escolà, xefe operativo da unidade de escoltas do mandatario, foi sentenciado a catro anos de prisión por malversación, xunto con 10 anos de inhabilitación.

Lei de amnistía

Estas decisións xudiciais chegan cando nas negociacións entre as forzas soberanistas catalás e o PSOE para que Pedro Sánchez sexa reelixido presidente do Estado español un dos eixos principais é unha lei de amnistía, que beneficiaría as persoas independentistas catalás axuizadas, perseguidas e exiliadas pola súa participación no proceso de autodeterminación de Catalunya, que incluíu un referendo de independencia no ano 2017.

Ao tempo, o Partido Popular presentou en múltiples institucións mocións de rexeitamento contra a medida, após anunciar un “grande acto” nese sentido poucos días antes de que o seu candidato, Alberto Núñez Feixoo, enfronte unha sesión de investidura para a que non conta con apoios suficientes.

Pola súa parte, o comisario de Xustiza do Executivo da Unión Europea (UE), Didier Reynders, sostivo que non se pronunciarán de forma oficial até que non exista un borrador da lei de amnistía.

Comentarios