O Tribunal Supremo oponse a conceder o indulto aos presos independentistas cataláns

O alto tribunal si que apoiara no seu día o indulto para Barronuevo e Vera, condenados en relación ao terrorismo de estado, ou golpistas do 23-F como Antonio Tejero.

[Imaxe: Omnium Cultural] Os presos políticos cataláns, na prisión de Lledoners.
photo_camera Os presos políticos cataláns, na prisión de Lledoners [Foto: Omnium Cultural]

O Tribunal Supremo trasladou esta cuarta feira ao Goberno español a súa posición sobre o indulto dos presos políticos cataláns. Como era de esperar, o alto tribunal español, que condenou aos líderes do 1-O a entre 9 e 13 anos de prisión polos delitos de sedición e prevaricación, oponse a concederlles o indulto.

O informe do Tribunal Supremo é obrigatorio mais non vinculante e inclúe as opinións da Fiscalía, que estaba en contra, e da Avogacía do Estado, que non se pronunciou.

O informe de once páxinas rexeita "calquera forma de indulto - total ou parcial aos 12 condenados" polo Tribunal Supremo e sostén que non mostraron ningún arrepentimento.

Este elemento non é obrigatorio, segundo a lei do indulto. Os maxistrados consideran que non hai razóns de xustiza, equidade e utilidade pública que xustifiquen a concesión desta medida de indulto.

Na mesma liña, din que a sentenza do Tribunal Supremo non vulnera os principios de proporcionalidade das penas impostas -entre nove e trece anos de prisión- aínda que algúns xuíces do Tribunal Constitucional (TC) non o ven igual e alertaron de posíbeis infraccións.

O relator do informe foi o presidente da segunda cámara e tamén o presidente da sentenza do 1-O, Manuel Marchena. Di que os argumentos para pedir o indulto perden calquera xustificación cando os líderes independentistas "preséntanse como presos políticos" e non como autores dunha mobilización "destinada a subverter unilateralmente a orde constitucional".

O Tribunal Supremo si que se pronunciara a prol do indulto en casos como os de Rafael Vera ( ex secretario de estado para a Seguridade) e José Barrionuevo (ex ministro de Interior) polo secuestro polos GAL do cidadán francés Segundo Marey.

Tamén se pronunciou a prol do indulto a golpistas do 23-F como Antonio Tejero ou Alfonso Armada.

Comentarios