Indultan mañá os presos políticos cataláns

Pasaron máis de tres anos desde a primeira entrada na prisión das presas e presos políticos cataláns. O anuncio de Pedro Sánchez abre a porta á mesa de diálogo bilateral Estado-Catalunya e ao debate sobre amnistía e autodeterminación que propón o Goberno catalán.
Pedro Sánchez, presidente do Estado español, anunciou onte no Liceu de Barcelona o indulto ás presas e presos políticos cataláns. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, presidente do Estado español, anunciou no Liceu de Barcelona o indulto. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

1.328 días despois de que a xustiza española levara a prisión preventiva a Oriol Junqueras, ex vicepresidente de Catalunya, e a sete conselleiras e conselleiros máis daquel Govern, o Consello de Ministras e Ministros aprobará hoxe o indulto ás presas e presos políticos cataláns. Así o anunciou nesta segunda feira Pedro Sánchez, presidente do Goberno español.

Entre ese día e o acto no Liceu de Barcelona entraron na cadea a presidenta do Parlament de Catalunya, Carme Forcadell; integrantes do Govern da Generalitat como Carles Puigdemont marcharon ao exilio, onde ningún tribunal aceptou súa extradición; e concluíu un xuízo que a avogacía da defensa cualificou de “causa xeral contra o independentismo”, na que nove persoas do Executivo catalán, do Parlament, e líderes de organizacións civís foron condenados a penas de entre 9 e 13 anos de prisión por sedición e/ou malversación, como responsábeis de organizar o referendo de autodeterminación de Catalunya do 1 de outubro de 2017.

Malia que desde o Goberno do Estado, por boca da voceira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, defenden que Puigdemont e o resto de persoas exiliadas terán que sentar perante a xustiza española cando volvan; o indulto implica, segundo Sánchez e Pere Aragonés, presidente catalán, o desbloqueo da mesa de diálogo bilateral, que para o Govern ten un obxectivo: negociar a amnistía e a autodeterminación.

O compromiso de Pedro Sánchez cos indultos, imprescindíbel para seguir contando co apoio parlamentar de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) no Congreso, tivo o seu punto e final no teatro do Liceu, onde o presidente estatal fixo público o anuncio entre apupos e berros de “Visca la terra” e “Independència” provenientes do público, así como con varias marchas convocadas no exterior do recinto.

“Pensando no espírito de concordia, proporei ao Consello de Ministros un indulto aos nove presos do procés que hoxe están en prisión”, afirmou Sánchez, ao tempo que salientaba facelo con “corazón” e apostando pola concordia.

Asemade, na valoración do acontecido sinalou que foi “a suma de cálculos errados de todos [...] que non queremos ningún e fixemos entre todos”, e chamou a manter os pés na terra para ter en conta os avances e evitar que o “ruído” afogue o diálogo.

A "debilidade" do aparello do Estado

Para ERC, que encabeza o Govern da Generalitat, os indultos amais de ser un “triunfo”, como apuntou en distintos medios Junqueras, presidente da formación, “demostran algunhas das debilidades dos aparatos do Estado”, e destacou que “non resistirán a confrontación” co Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Junqueras advertiu que a posición do Estado español vén determinada polo intento de protexerse de futuras sentenzas que deslexitimen as accións xudiciais para "perseguir o independentismo", e por iso prevé a reversión “dalgunhas das medidas abusivas que tomou”.

Pola contra, o seu socio de Gover, Junts, indica que "non se pode falar de triunfo" por medio do vicepresidente Jordi Puigneró, que acudiu esta fin de semana a Waterloo (Bélxica) para falar con Puigdemont.

Reacción de PP, Vox e Ciudadanos

O anuncio dos indultos ás presas e presos políticos cataláns, que ocupou a actualidade informativa no Estado desde finais de maio, suscitou o rexeitamento do PP, Vox e Ciudadanos desde o primeiro intre, chegando a manifestarse -con menos asistencia que en ocasións anteriores- o 13 de xuño na praza de Colón de Madrid.

As críticas á medida foron suavizándose cando a patronal deu sustento á decisión de Sánchez, ademais do resultado da campaña de recollida de sinaturas do PP, comparada coa do Estatuto de Catalunya. A pesar disto, nada máis coñecerse o anuncio de Sánchez, o líder da oposición estatal e do PP, Pablo Casado, arremeteu contra o Executivo por destruír “as bases do sistema de convivencia”, "desarmar o Estado", e dar continuidade "ao cambio de réxime”.

Comentarios