A Xustiza británica apraza a decisión sobre a extradición de Julian Assange

Washington ten tres semanas para garantir que non o executará
Stella Assange. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / DPA)
photo_camera Stella Assange. (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / DPA)

O Tribunal Superior de Londres, no Reino Unido, emitiu a terza feira a súa decisión arredor do último recurso de Julian Assange, fundador de WikiLeaks, para evitar a súa extradición aos Estados Unidos, resolvendo que Washington ten tres semanas para ofrecer garantías de que ao australiano non se lle imporá a pena de morte, que poderá alegar na súa defensa a liberdade de expresión e que non se verá prexudicado no seu litixio por non ser estadounidense.

Se o país americano non brinda estas garantías, outorgará autorización a Assange para presentar unha nova apelación na Xustiza británica, e se as presenta convocará unha nova audiencia ao respecto o 20 de maio, de cara a unha resolución definitiva da extradición.

Unha orde pendente desde 2022

Após sucesivas apelacións, a orde de extradición de Assange leva asinada polo Ministerio de Interior británico desde 2022.

“El é un xornalista e é perseguido porque expuxo o verdadeiro custo da guerra en vidas humanas”, polo que a acusación “é un sinal a todos vós de que se expós os intereses que impulsan a guerra virán por ti”, subliñou Stella Assange, a súa parella, que o cualificou como un “preso político” após participar na divulgación, entre outras cuestións, dos crimes de guerra cometidos polas tropas estadounidenses nas invasións do Iraq e Afganistán.

175 anos de prisión

Os Estados Unidos demandan a súa extradición por 18 delitos vinculados coa espionaxe, e que a defensa de Assange alertou que suporían unha condena de 175 anos.

A súa detención produciuse no marco dunha conspiración na que participou Suecia, que o acusou falsamente de violación, o que o levou a refuxiarse na embaixada do Ecuador por temor á súa extradición a Washington.

Comentarios