As avogadas de Assange alegan que é perseguido por "delitos políticos"

O caso volve aos tribunais británicos coa extradición como ameaza.
Stella Assange, esta terza feira, ás portas do xulgado británico onde se decide a extraditación de Julian Assange. (Foto: Yui Mok / PA Wire  / dpa)
photo_camera Stella Assange, esta terza feira, ás portas do xulgado británico onde se decide a extraditación de Julian Assange. (Foto: Yui Mok / PA Wire / dpa)

A representación legal do fundador de Wikileaks, Julian Assange, expuxo esta terza feira ante o Tribunal Superior de Londres que o seu cliente non debería ser extraditado aos Estados Unidos de América porque é perseguido por "delitos políticos" e existe un "risco real" de que sufra unha "flagrante" violación dos seus dereitos procesais. 

O Goberno británico autorizou en xuño de 2022 o traslado de Assange ao país norteamericano, pero o fundador de Wikileaks intenta esgotar todas as vías posíbeis para evitar o seu traslado. Dous xuíces deben agora determinar se o seu caso merece un novo exame ou se, pola contra, fica fechado, o que deixaría como alternativa final o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. 

As vistas comezaron esta terza feira e prolongaranse durante dous días, sen a presenza de Assange que, segundo a súa representación xudicial, se ausenta por motivos médicos. 

As inmediacións dos tribunais foron escenario dunha concentración de apoio á que acudiu a muller de Assange, Stella. "Non hai posibilidade de que reciba un xuízo xusto se é extraditado aos Estados Unidos", advertiu. "Esta farsa ten que acabar", engadiu ante os medios, onde expuxo algún dos argumentos que tamén trataron de defender os avogados dentro do tribunal.

A súa contorna entende que dar vía libre á extradición implicaría "criminalizar o xornalismo de investigación", xa que as acusacións derivan do material segredo publicado en 2020 e 2021 por Wikileaks.
Sobre Assange pesa unha batería de cargos por violar a Lei de Espionaxe estadounidense e arríscase a unha condena de até 175 anos de cárcere nun centro de máxima seguridade. "É un ataque contra a verdade", sentenciou Stella Assange.

Comentarios