Os Estados Unidos non descartan condenar Julian Assange a morte

Múltiples mobilizacións en contra da extradición.
Protesta hoxe en Londres. (Foto: James Manning / PA Wire / DPA)
photo_camera Protesta hoxe en Londres. (Foto: James Manning / PA Wire / DPA)

“Non hai nada que suxira que [o fundador de WikiLeaks Julian Assange] afronta un verdadeiro risco de pena de morte”, insistiu hoxe o líder do equipo legal dos Estados Unidos, James Lewis, na última xornada da audiencia no Tribunal Superior en Londres, no Reino Unido, para avaliar o último recurso de Assange contra a súa extradición ao país americano, que o acusa de espionaxe.

Porén, cando o tribunal o cuestionou sobre se había algún elemento que “impedise unha acusación de complicidade en traizón”, Lewis admitiu que non, antes de recoñecer que, “en principio”, eses cargos poden implicar pena de morte.

Asemade, tratou de desacreditar as informacións xornalísticas que desvelaron a existencia dun plan da Axencia Central de Intelixencia (CIA) para capturar e asasinar Assange durante o mandato de Donald Trump (2017-2021) á fronte do Goberno estadounidense.

Tamén reiterou que WikiLeaks foi “máis aló” do xornalismo, nun caso que tanto entidades en defensa dos dereitos humanos como organizacións de xornalistas consideran unha persecución por divulgar a organización documentos filtrados que probaron os crimes de guerra cometidos polas tropas estadounidenses durante as invasións a Afganistán e ao Iraq, e unha tentativa de reprimir o xornalismo de investigación.

Sen prazo para a sentenza

A xuíza Dame Victoria Sharpe anunciou logo da fin das argumentacións que “nos reservamos a nosa decisión”, sen especificar un prazo para comunicar o veredicto, que de ser contrario a Assange abriría a porta a súa extradición, que só podería frear en última instancia o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, con sede en Estrasburgo, Francia, e de ser favorábel suporía unha revisión íntegra da apelación.

Como acontecera na primeira xornada do litixio, Assange non acudiu por non atoparse en condicións, informou a súa representación legal, que incidiu en que é consecuencia do lustro recluído nunha prisión de máxima seguridade británica, no contexto dunha persecución que sucesivas relatoras contra a tortura da Organización das Nacións Unidas (ONU) ratificaron que é equiparábel á tortura, unha consideración que estenden á súa potencial extradición a Washington. Assange podería ser condenado a até 175 anos de cárcere de ser extraditado, indicou o seu equipo legal. Ademais de en Londres, rexistráronse mobilizacións en contra da súa extradición no Estado español, Alemaña, Francia, Italia ou o Brasil.

Comentarios