A CIA empregou unha empresa con sede no Estado español para espiar Assange, denuncian os seus avogados

A defensa do xornalista australiano presentou unha demanda contra o ex director da Axencia Central de Intelixencia.
Concentración en apoio de Julian Assange en Londres. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concentración en apoio de Julian Assange en Londres. (Foto: Europa Press)

Os avogados do fundador de Wikileaks, Julian Assange, anunciaron no día de onte o inicio dunha demanda contra o ex director da Axencia Central de Intelixencia (CIA), Michael Pompeo, por "espiar ilegalmente as súas conversas" durante o mandato presidencial de Donald Trump.

En concreto, a información de Assange foi roubada entre 2017 e 2018, cando axentes da CIA entregaron os seus dispositivos electrónicos a UC Global, unha empresa de seguridade con sede no Estado español, durante as visitas que diferentes persoas realizaban ao preso político cando se atopaba na embaixada de Ecuador en Londres.

Segundo a defensa do xornalista e activista australiano, estas accións violaron os seus dereitos contra o rexistro e incautación ilegais, recollidos na Cuarta Emenda da Constitución dos Estados Unidos (EUA).

Na demanda presentada contra o ex director da CIA, detállase como os empregados de UC Global copiaron a información de Assange e dos seus visitantes na embaixada "actuando sen o coñecemento do Goberno ecuatoriano" e coa "autorización e aprobación de Michael Pompeo".

Orde de extradición

Hai dous meses, o 17 de xuño, a ministra de Interior de Reino Unido, Priti Patel, asinaba a autorización da orde de extradición do fundador de Wikileaks aos Estados Unidos.

O país norteamericano acusa Assange de cargos de espionaxe pola filtración de milleiros de documentos secretos. Patel asinou este documento pese aos argumentos dados pola defensa de Assange sobre o delicado estado de saúde do seu defendido, e a condena "desmedida" que os tribunais dos EUA lle poderían impor.

"Os tribunais de Reino Unido non determinaron que fose represivo, inxusto ou un abuso procedimental extraditar Assange", recollía o Ministerio de Interior nun comunicado.

Wikileaks lamentou a decisión do Goberno británico, e asegurou que era "un día negro para a liberdade de prensa e a democracia británica". A organización confirmou que presentaría un recurso contra esta decisión, co obxectivo de dilatar o máximo posíbel o proceso de extradición e que Assange teña que enfrontarse a unha posíbel pena de 175 anos nos EUA.

Comentarios