Varsovia pedirá autorización a Berlín para enviar tanques á Kíiv

A UE aproba un novo envío de armas a Ucraína e aumenta a 3.600 millóns de euros o valor do armamento cedido, ao tempo, Polonia continúa premendo Alemaña para entregar tanques a Kíiv.

Tanque alemán Leopard. (Foto: Philipp Schulze / dpa)
photo_camera Tanque alemán Leopard. (Foto: Philipp Schulze / dpa)

O Executivo polaco solicitará formalmente ao Goberno alemán liderado por Olaf Scholz permiso para enviar a Ucraína tanques Leopard, que requiren do permiso de reexportación de Berlín ao ser fabricados no país teutón, segundo confirmou onte o primeiro ministro, Mateusz Morawiecki.

O anuncio de Varsovia prodúcese despois de que á última hora do domingo a ministra de Exteriores alemá e ex líder dos Verdes, Annalena Baerbock, ratificara que no caso de recibir esta solicitude “non nos imos opor”, despois das presións no seo da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) para que Alemaña permitise os envíos, unha opción atrasada polo Executivo de Scholz polas implicacións no tocante á súa participación no conflito e mais pola negativa estadounidense a enviar a Kíiv os seus tanques.

De forma velada, Polonia xa advertira que acabarían por tomar a decisión de enviar o material militar con ou sen o apoio alemán, alertando de que unha negativa implicaría o illamento internacional de Alemaña.

Pola súa parte, o xefe da oficina presidencial ucraína, Andriy Yermak, reiterou que precisan “centos de tanques” para enfrontar a guerra contra Rusia.

Para o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, este debate “amosa como medra constantemente o nerviosismo na OTAN”, tras reiterar que o envío de máis armas a Kíiv non incidirá no devir do conflito bélico.

Na Unión Europea (UE), as e os titulares dos Ministerios de Exteriores dos países membros acordaron onte desbloquear un novo tramo de 500 millóns de euros para enviar armas a Ucraína, revelaron fontes diplomáticas, polo que desde a invasión rusa a achega en armamento do bloque comunitario ascende a 3.600 millóns de euros, mentres que 7.500 millóns de euros en armamento foron remitidos directamente polos Estados da UE.

Aínda así, os Estados Unidos, que tamén lideran a OTAN, continúan a encabezar a listaxe de países que enviaron máis armas a Kíiv, valoradas en máis de 20.000 millóns de euros.

Esta semana agárdase o anuncio oficial desta medida, que inclúe 45 millóns de euros para adestrar tropas ucraínas en territorio comunitario.

No que atinxe á alianza militar, Recep Tayyip Erdogan, o presidente turco, salientou que Suecia non debería “agardar” nas condicións actuais que Ancara aprobe a súa entrada na OTAN, da que tamén está pendente Finlandia.

A nivel militar, Moscova destacou avances en varias localidades de Donetsk e Zaporijia.

Comentarios