Polonia ameaza con "medidas non convencionais" se Alemaña non proporciona tanques Leopard a Ucraína

Varsovia busca forzar Alemaña ao envío de carros de combate.
Carro de combate Leopard II (Foto: Philipp Schulze / DPA)
photo_camera Carro de combate Leopard II (Foto: Philipp Schulze / DPA)

O viceministro de Asuntos Exteriores de Polonia, Pawel Jablonski, advertiu esta sexta feira de que están listos para tomar "medidas non convencionais" se Alemaña se resiste a entregar a Ucraína tanques Leopard, "mesmo se alguén se sente ofendido". Con todo, dixo Jablonski, "non nos adiantemos aos feitos".

O representante polaco adiantou que traballarán con outros Estados para tentar de convencer a Alemaña. "Diso se trata a diplomacia, que ás veces os nosos socios non sempre queren levar a cabo certas accións, se están suxeitos a varios tipos de persuasión ou presión, ás veces poden cambiar de opinión, xa sucedeu varias veces", afirmou.

Para Jablonski a reticencia de Berlín de enviar este tipo de tanques está motivada por unha serie de "simpatías creadas con diñeiro ruso" e por como Moscova estivo "influíndo" e "corrompendo" as esferas política, industrial e empresarial, así como a opinión pública alemá.

"Hoxe estas persoas, por suposto, non dirán abertamente que apoian Rusia. Hai moitas persoas que se avergoñan moito diso, mais en realidade actúan de tal maneira para non danar demasiado Rusia", aseverou.

O último en criticar Alemaña por isto foi o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, aproveitando a súa intervención no Foro de Davos. "Son persoas adultas. Poden falar así durante outros seis meses, mais a xente morre no noso país todos os días. Poden entregar os Leopard ou non?", cuestionou.

O Executivo xermano móstrase reticente a enviar os tanques para evitar unha escalada do conflito. No marco da reunión mantida esta sexta feira polos ministros de Defensa dos Estados membros da OTAN na base militar estadounidense de Ramstein, en Baviera, o representante alemán, Boris Pistorius, comunicou que aínda non se tomou unha decisión sobre a entrega.

"Un dramático engano"

Pola súa parte, o portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, subliñou que non hai que exaxerar a importancia das posíbeis entregas de tanques da OTAN a Kíiv. "En realidade, vemos un compromiso cun engano, un dramático engano sobre a posibilidade de que Ucraína teña algún éxito no campo de batalla", destacou o portavoz ruso. 

Así mesmo, Peskov declarou que se Occidente decide enviar a Ucraína carros de combate, nada cambiará en canto ao progreso de Rusia cara aos seus obxectivos. "Dixemos en repetidas ocasións que tales entregas non cambiarán fundamentalmente nada, senón que aumentarán os problemas para Ucraína e para o pobo ucraíno", indicou.

Comentarios