O fillo de Joe Biden, pendente da Xustiza dos Estados Unidos con negocios en Ucraína de por medio

Entre as acusacións máis repetidas polos republicanos estadounidenses está o baixo perfil das informacións sobre o fillo do presidente, que consideran ocultación. Agora, a Xustiza terá a última palabra sobre a acusación de tráfico de influencias con Ucraína de por medio, un máis dos múltiples escándalos nos que se viu envolto nos últimos anos.
Hunter Biden abrazado coa súa familia durante a investidura de Joe Biden en 2021. (Foto: Europa Press)
photo_camera Hunter Biden abrazado coa súa familia durante a investidura de Joe Biden en 2021. (Foto: Europa Press)

O 25 de xullo de 2019, Ucraína entraba de cheo nas portadas dos medios occidentais a raíz dunha chamada do ex presidente estadounidense Donald Trump (2017-2021) ao seu homólogo ucraíno, Volodimir Zelenski, no que Trump o premeu para que iniciase unha investigación por tráfico de influencias contra Hunter Biden, o fillo do actual mandatario,  Joe Biden, ameazando con frear a axuda dirixida ao país eslavo no caso de non facelo.

Malia que durante anos os principais medios dos Estados Unidos sostiveron que esta acusación foi un intento do Partido Republicano para incidir na lexitimidade de Biden como presidente, o fiscal federal de Delaware, David Weiss, presentará en breve a súa decisión sobre se imputa a Hunter pola situación en Ucraína e outros escándalos.

De 2014 a 2019 o fillo do presidente formou parte da xunta directiva de Burisma, a maior empresa privada ucraína do sector do gas natural, unha designación que coincidiu co desempeño do seu proxenitor como vicepresidente no Goberno de Barack Obama (2009-2017).

Tráfico de influencias

A súa presenza como directivo tamén coincidiu cunha investigación por corrupción contra a compañía. En 2016, Biden, responsábel da política estadounidense para Ucraína, ameazou o país con cortar pouco menos de 1.000 millóns de euros en garantías de préstamo se non despedía o fiscal xeral ucraíno, Viktor Shokin, ao que acusaba de non perseguir a corrupción, mentres que os republicanos sostiveron que Biden buscaba evitar a persecución legal de Hunter.

A pesar de facerse pública a incompatibilidade dos negocios de Hunter coa posición política de Biden, The New York Times incide en que Hunter postergou a súa saída da empresa para cubrir uns gastos fixos anuais a nivel persoal na contorna do millón de euros, segundo cálculos do seu xerente de negocios, Eric Schwerin.

Ao tempo, foi cuestionado polo investimento nunha empresa chinesa, e especialmente polo acordo con CEFC China Energy, unha empresa que acabou colapsando tras recibir Hunter e outros membros da familia Biden máis de catro millóns de euros. Un dos propietarios foi detido na China nunha operación anticorrupción e o outro acabou por ser condenado nos Estados Unidos a tres anos de prisión por participar nunha trama internacional de subornos e lavado de diñeiro.

Asemade, axudou unha compañía médica a gañar un contrato gobernamental de Washington para construír laboratorios para estudar patóxenos en Ucraína, considerados por Moscova como centros de bioterrorismo.

Litixio

Até o de agora, unha das principais incógnitas que se agardaba fora resolta pola vía xudicial é se Joe Biden se beneficiou persoalmente dos pactos alcanzados polo seu fillo ou até que punto estaba relacionado.

Aínda así, os medios locais citan fontes próximas á investigación que sinalan que probabelmente Weiss opte por presentar cargos apenas referidos a non entrega en tempo das declaracións fiscais de 2016 e 2017, a deducións fiscais indebidas e por mentir nun formulario en 2018 para comprar unha pistola, ao afirmar que non consumía drogas.

Ademais das incidencias vencelladas coas drogas, Hunter tamén protagonizou escándalos relacionados coa prostitución, chegando a facerse público un vídeo no que pesaba crack cunha prostituta.

Impacto político

Os efectos desta situación nas posibilidades da candidatura presidencial de Biden tamén influíron na reacción dos medios de comunicación. En 2019, o empregado dunha tenda de informática entregou o ordenador de Hunter Biden á Axencia Federal de Investigación (FBI polas súas siglas en inglés) ao alertarse polo seu contido mentres o revisaba para unha reparación.

Pouco antes das eleccións de 2020, o New York Post publicou correos de Hunter nos que executivos de Burisma agradecían que lles presentara o seu pai. Así e todo, a meirande parte dos medios de comunicación do país negaron que fose posíbel verificar a veracidade do contido dixital, polo que cuestionaron a súa credibilidade. Xa a finais do pasado ano, máis de dous anos despois, recoñeceron que a información  era certa e que o ordenador estaba en mans do FBI.

Ocultación en Twitter para favorecer os demócratas

O mes pasado, o novo propietario de Twitter, Elon Musk, entregou aos medios de comunicación información que revela como a empresa de redes sociais tratou de ocultar estas novas no transcurso da campaña electoral, bloqueando a publicación dun artigo deste xornal e conxelando de forma provisoria a conta do medio. Tamén foron bloqueadas contas que rechouchiaron as noticias, como a da secretaria de Prensa da Casa Branca naquela altura, Kayleigh McEnany.

Nesa ocasión, as peticións para ocultar a historia proviñan do equipo de campaña de Joe Biden e da súa formación, o Partido Demócrata, unha manobra que foi aceptada e aplicada por Vijaya Gadde, ex directora legal de Políticas de Twitter, e polos “niveis máis altos da empresa mais sen  coñecemento do director executivo, Jack Dorsey”, apunta o xornalista Matt Taibbi.

 

Comentarios