Turquía e Paquistán, os comicios chave este ano

Un mundo en cambio, principais procesos electorais que decorrerán ao longo de 2023, coa atención posta nas consecuencias xeopolíticas dos comicios turcos e paquistanís.
Unha persoa vota nas eleccións lexislativas de Tunisia en decembro de 2022. (Foto: Hasan Mrad / IMAGESLIVE via ZUMA P / DPA)
photo_camera Unha persoa vota nas eleccións lexislativas de Tunisia en decembro de 2022. (Foto: Hasan Mrad / IMAGESLIVE via ZUMA P / DPA)

Arredor dun terzo dos Estados do mundo ten programado algún tipo de comicio en 2023, votacións que, nalgúns casos, como en América, poden consolidar as transformacións efectuadas polos Gobernos progresistas, que aspiran a ampliar a súa influencia e as posibilidades de profundar na integración rexional.

No continente, a primeira data de relevancia é o 30 de abril, coas eleccións presidenciais e parlamentarias en Paraguai. O progresista Efraín Alegre buscan na candidatura da Concertación Nacional acabar co mandato do Partido Colorado, que, ditadura incluída, gobernou as últimas sete décadas a excepción do período 2008-2012 co Executivo de Fernando Lugo, finalmente destituído polo lexislativo controlado pola oposición, no que a meirande parte dos países americanos consideran un golpe de Estado.

O 25 de xuño chega a quenda das guatemaltecas e guatemaltecos, que seleccionan parlamento e votan na primeira volta das eleccións presidenciais.

Xa en outubro decorrerán as eleccións na Arxentina para determinar o novo lexislativo e  se Alberto Fernández segue como presidente. A última lexislatura, enfrontamentos internos minaron o seu desempeño electoral, así e todo, o que a formación denomina persecución xudicial contra a vicepresidenta e ex presidenta, Cristina Fernández de Kirchner, e as sentenzas que o Executivo considera unha inxerencia e que levaron a propor un xuízo político contra a Corte Suprema permitiulles unificar o seu campo electoral, polo que aspiran a manter o poder.

Proba para Petro

Apenas unha semana despois, as rexionais en Colombia permitirán avaliar o apoio ás políticas do presidente Gustavo Petro, o primeiro mandatario de esquerda do país, que amais das conversas de paz cos grupos armados para alcanzar a “paz total” trata de transformar o sistema produtivo colombiano, con medidas como a entrega masiva aos labregos de terras confiscadas polas institucións estatais.

No continente europeo, están programadas eleccións parlamentares en Andorra, Estonia, Finlandia, Mónaco, Grecia, Luxemburgo, Suíza, Ucraína e o Estado español, onde decorrerán o 28 maio comicios municipais e en varios territorios, e, a final de ano ou comezos de 2024 eleccións parlamentares a nivel estatal.

Amais, Letonia, Montenegro, Chequia e Chipre decidirán quen ocupará a Presidencia.

No caso de Escocia, cun referendo de autodeterminación anunciado polo Gabinete que dirixe Nicola Sturgeon para o vindeiro 19 de outubro, está pendente de determinar a opción pola que optará o Goberno escocés após o rexeitamento da Xustiza británica a que organizasen o plebiscito sen a aprobación de Londres.

Amais de Escocia, outros procesos que en teoría deberían decorrer en 2023 están no aire, como os dobres comicios -presidenciais e parlamentares- en Myanmar, que dependen da decisión da xunta militar que goberna o país e que adiantou organizará as votacións.

En África, o 25 de febreiro Nixeria porá as urnas co fin de determinar quen será o vindeiro presidente e a composición do lexislativo bicameral, tras sucederse os escándalos relacionados co petróleo neste período no principal produtor histórico do continente.
Ademais das presidenciais en Mauritania, das lexislativas en Xibutí, e das eleccións xerais en Zimbaue, está previsto que a poboación de Esuatini elixa o novo Parlamento, no marco das intensas protestas dos últimos meses contra o sistema político, nunha das últimas monarquías absolutas que fican no planeta.

Dúas das datas electorais mais importantes en 2023 polas súas implicacións non só internas, senón a nivel internacional, son as de Turquía e Paquistán. 

Turquía

En Ancara, o 18 de xuño desenvolveranse votacións para designar o mandatario e o Parlamento, nunhas eleccións especialmente preocupantes para o actual líder, Recep Tayyip Erdogan, que busca manter o apoio nun contexto de crise económica interna e coa lira fortemente desvalorizada, e tras ceder terreo aos opositores en anteriores convocatorias.

A inhabilitación do alcalde de Istambul, Ekrem İmamoğlu, criticada polos organismos internacionais por estar xustificada só na eliminación de rivais electorais do presidente, e a reactivación periódica dos ataques militares contra as forzas kurdas no norte de Siria e o Iraq co gallo de manter a seguridade, son os principais factores ao favor cos que conta Erdogan.

En Paquistán, o nome propio dos comicios será dun ou doutro xeito Imran Khan, o ex primeiro ministro deposto polo lexislativo en abril de 2022, e que denunciou que os Estados Unidos estiveron detrás da súa destitución ao darlle prioridade ás relacións internacionais con Beijing e Moscova.

Khan protagonizou desde a súa caída un retorno político que o leva a encabezar as preferencias de cara ao proceso electoral, impoñéndose con amplitude o seu partido, o Movemento pola Xustiza, en todos as eleccións parciais organizadas até o de agora, con mitins multitudinarios ao longo e largo do país. Malia que a Xustiza paquistaní acabou por inhabilitalo por, supostamente, recibir agasallos non rexistrados durante o seu mandato, calquera candidatura apoiada por Khan de seguro contará cun importante tirón electoral.

Sen saír de Asia, o lusófono Timor Leste escollerá un novo Parlamento.

En Oceanía, as Illas Salomón convocarán eleccións, coa data aínda por fixar, para un novo Parlamento encargado de avalar o novo primeiro ministro, nun dos lugares claves do choque entre China e Occidente pola órbita de influencia no Pacífico.

Comentarios