O xornalista Pablo González permanecerá en prisión após a xustiza polaca rexeitar a súa apelación

O reporteiro vasco foi retido polos Servizos de Seguridade Interior de Polonia. O Servizo de contraespionaxe acusouno de utilizar o seu traballo para desempeñar actividades de Intelixencia para as autoridades rusas.
O xornalista vasco Pablo González, desde Polonia, uns días antes de ser detido (Foto: @PabVis).
photo_camera O xornalista vasco Pablo González, desde Polonia, uns días antes de ser detido (Foto: @PabVis).

O tribunal de apelacións de Rzeszów, en Polonia, rexeitou a apelación contra a terceira prórroga de prisión preventiva que presentaron os avogados do xornalista vasco Pablo González.

González foi privado da súa liberdade o 28 de febreiro de 2022, sendo detido mentres cubría a crise de refuxiados na fronteira de Polonia, após o inicio da guerra entre Rusia e Ucraína.

Atópase retido no cárcere actualmente, pois desde a data sinalada sucedéronse prórrogas de prisión provisional cada tres meses.

A última foi o 24 de novembro e con ela o xornalista cumprirá un ano detido.

Debido a que as autoridades o manteñen nun duro réxime de incomunicación parcial, a súa muller só puido visitalo de forma moi breve unha vez nese mesmo mes.

O reporteiro foi retido polos Servizos de Seguridade Interior de Polonia. O Servizo de contraespionaxe acusouno de utilizar o seu traballo para desempeñar actividades de Intelixencia para as autoridades rusas.

No caso de que as acusacións avancen e sexa condenado, González terá que enfrontarse a unha pena de até dez anos de prisión.

Porén, case un ano despois de ser arrestado non se coñecen detalles como, no caso de intercambiar información, a quen lla facilitaba, que información era ou o modo e propósito das súas presuntas accións.

Natureza das acusacións

A defensa alega que a acusación apenas se basea na dobre nacionalidade rusa e española do acusado para culpabilizalo, xa que naceu en Moscova, pois é neto dun 'neno da guerra', os menores que foron enviados á Unión Soviética para escapar da Guerra Civil Española entre 1936 e 1939.

Antes do estalido da guerra, González residía en Euskadi, a onde se trasladou xunto con súa nai e onde formou unha familia.

Comentarios