Urkullu propón unha "convención constitucional" para desenvolver o dereito a decidir

O presidente de Euskadi marca unha vía para incrementar o autogoberno vasco, galego e catalán, cun recoñecemento da plurinacionalidade do Estado español e sen modificar a Carta Magna, á vez, o Executivo catalán demanda amnistía e autodeterminación.
O presidente de Euskadi, Iñigo Urkullu, na inauguración do curso político a terza feira en Donostia. (Foto: Unanue / Europa Press)
photo_camera O presidente de Euskadi, Iñigo Urkullu, na inauguración do curso político a terza feira en Donostia. (Foto: Unanue / Europa Press)

Entrementres o Partido Popular (PP) e o seu candidato á Presidencia, Alberto Núñez Feixoo, trataban de escenificar que -en contra de todos os indicios- contan con posibilidades de obter máis votos a favor que en contra na sesión de investidura de finais de setembro, o presidente de Euskadi, Iñigo Urkullu, do Partido Nacionalista Vasco (PNV), lanzou a quinta feira unha proposta que vai máis aló das conversas para que o actual mandatario en funcións, Pedro Sánchez, do PSOE, poida ser reelixido, para o que depende das forzas soberanistas, co fin de que o Estado español recoñeza o seu carácter plurinacional e desenvolva un modelo territorial acorde con esa realidade.

Nun artigo publicado na prensa estatal, o lehendakari incide en que “se abre unha nova oportunidade e pode ser o momento de dar novos pasos”, lembrando que esta proposta xa fora defendida hai nove décadas na constitución o 25 de xullo de 1933 de “Galeuzka, unha institución de irmandade entre galegos, vascos e cataláns”, que definiu como “unha proposta construtiva, cunha visión de futuro para un novo modelo de Estado territorial”.

Facendo un chamamento a estabelecer acordos, Urkullu subliña que “non queremos impor nada a ninguén”, mais “tampouco podemos aceptar que se impida ao pobo vasco manifestar a súa vontade”, e apunta que a “Constitución de 1978 intentou abrir un camiño, pero é necesario lembrar tamén os intentos de involución que se produciron desde aquela”.

Neste contexto, detalla que “o cambio anunciado” se reduciu a “unha descentralización política e administrativa, pero non foi máis alá”, evitándose a descentralización do Poder Xudicial ou converter o Senado nunha “auténtica Cámara de representación territorial”, ademais de contar cun Tribunal Constitucional para que tivese a última palabra entre o Estado e as comunidades sen “representación directa e real” dos territorios.

Tras pór como exemplo da posibilidade de pactos bilaterais co Estado o concerto económico vasco, o presidente territorial propuxo “unha convención constitucional para pactar unha interpretación sobre aquilo que a Constitución de 1978 non resolveu ben en relación coa cuestión ‘territorial’”.

Isto non implicaría unha mudanza da Carta Magna, matiza, sinalando que a mellor vía sería a activación da disposición adicional primeira do texto, que se refire á “actualización dos dereitos históricos”, para deseñar unha convención limitada arredor do modelo territorial que permita “un avance substancial no carácter plurinacional do Estado e no desenvolvemento nacional do autogoberno de Euskadi, e, no seu caso, tamén de Nafarroa e o resto de comunidades históricas. É dicir, aquelas que contaban cun modelo de autogoberno” antes de 1978.

O mandatario debulla que primeiro se asinaría un acordo base que recolla o cumprimento íntegro dos Estatutos, a admisión da plurinacionalidade do Estado, “como foi na práctica até o século XVIII”, a bilateralidade ou a “capacidade de decidir pactada”, e que dea paso a unha convención constitucional no prazo dun ano.

Modelo territorial, amnistía e axenda galega

A proposta de Urkullu puxo de manifesto as distintas exixencias que terán que negociar tanto o PSOE como Sumar se aspiran a conformar un Goberno de coalición no Estado antes de que en xaneiro se produza unha repetición electoral. En Euskal Herria, amais do PNV tamén EH Bildu fixo fincapé en que “se hai lexislatura, será a lexislatura para abordar o debate territorial”, sostivo o seu líder, Arnaldo Otegi. As forzas vascas reiteraron que é hora de que se reflicta o peso das forzas soberanistas, imprescindíbeis para un Executivo progresista.

Porén, no caso de Catalunya, a atención está posta nunha hipotética lei de amnistía que beneficie as persoas independentistas axuizadas, perseguidas ou exiliadas pola organización dun referendo de independencia en 2017, así como polo proceso participativo sobre o seu futuro político de 2014. Arredor deste asunto e da investidura de Sánchez “non hai ningunha negociación en marcha con ninguén, nin se presentou ningún proxecto de amnistía a ningún partido político”, advertiu o ex presidente catalán Carles Puigdemont, de Junts.

De feito, adiantou que será a próxima terza feira cando difundirán o “marco” que a formación “proporá a todos os que se interesen por abrir negociacións con nós”, e minimizou o diálogo que manteñen con outros grupos como “conversas”, que poden derivar en negociacións ou “servir para comprobar que non hai marxe de negociación”.

En paralelo, o Goberno catalán, controlado por Esquerra Republicana de Catalunya, asegurou que a proposta do Executivo é a “autodeterminación e a amnistía”, apoiada pola “maioría social e política” do país. Malia que chegou a unir os seus votos aos de PP, a ultraespañolista Vox e Ciudadanos en 2021 para vetar o debate no Congreso dunha norma sobre unha posíbel amnistía, o PSOE non está a rexeitar publicamente nesta ocasión esa posibilidade.

No que atinxe á Galiza, o Bloque Nacionalista Galego reclama concretar a aplicación dos puntos contidos na “axenda galega” para apoiar no Congreso a reelección de Sánchez, que inclúen precisamente o avance do autogoberno.

O PSOE limita a cuestión territorial ao financiamento

O modelo territorial do Estado español “xa está perfectamente referendado” na Constitución e os distintos Estatutos territoriais, insistiu a quinta feira a voceira do PSOE e ministra de Educación, Pilar Alegría, en resposta á proposta do lehendakari. Amais, reiterou a importancia do financiamento para os territorios, polo que instou a profundar durante a lexislatura no debate sobre o sistema de financiamento autonómico.

A pesar diso, o ex presidente valenciano, Ximo Puig, do PSOE, apoiou a iniciativa de Urkullu e solicitou que o País Valencià tamén estea no debate.

Pola súa parte, Elías Bendodo, coordinador xeral do PP, remarcou que a formación conservadora posúe “límites” que “nunca van superar”.

Rueda pide evitar "desigualdades"

Alfonso Rueda, presidente da Galiza polo PP, pediu que o modelo territorial non provoque “desigualdades entre territorios”, un aspecto repetido nas últimas xornadas por Feixoo. Ao tempo, e aínda que a proposta de Urkullu inclúe a Galiza e que o BNG ten o avance do autogoberno como unha das exixencias para investir Sánchez, alertou de que “conversas case clandestinas” entre grupos políticos poderían “favorecer unhas comunidades en detrimento doutras”.

Comentarios