Estado español

A extrema dereita conformará co PP o novo Goberno do País Valencià

O candidato de Vox condenado por maltrato, cabeza de lista ao Congreso.
Representantes de PP e Vox reuníronse esta terza feira para fechar o acordo. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)
photo_camera Representantes de PP e Vox reuníronse esta terza feira para fechar o acordo. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)

Tras a perda da maioría parlamentaria das forzas progresistas e soberanistas o pasado 28 de maio, o Partido Popular (PP) e a formación ultraespañolista Vox trasladaron esta terza feira que fecharon un acordo para integrar un Goberno de coalición que estará liderado polo conservador Carlos Mazón. Ademais, Vox designará a nova presidenta ou presidente da Mesa do lexislativo valenciano.

O entendemento chegou despois de que a extrema dereita anunciara que o seu candidato no territorio nas pasadas eleccións, Carlos Flores, encabezará a lista ao Congreso da circunscrición de València, un día despois de que o PP considerara a súa presenza no futuro Executivo do País Valencià como unha “liña vermella”, ao ser condenado hai 20 anos Flores por violencia machista psicolóxica contra a súa parella.

Tras facer público o pacto co PP, o propio Flores destacou que en futuras reunións negociarán o repartimento de consellarías, reiterando que será “proporcional” aos resultados electorais.

Sen saír do territorio, as mesmas formacións asinaron un acordo de Goberno no Concello de Elxe. 24 horas antes o partido de extrema dereita reclamara ao PP acordos en 135 municipios para evitar Alcaldías progresistas, pondo a localidade valenciana como exemplo.

Noutras comunidades autónomas, como Estremadura ou Castela-A Mancha, proseguen as negociacións entre PP e Vox, cuxos votos precisan os conservadores para gobernar en cando menos cinco territorios, unha vez ratificado o acordo en Cantabria entre PP e os rexionalistas para a investidura que deixa fóra Vox.

En todo caso, a extrema dereita consolida grazas ao PP a súa presenza nos Gobernos territoriais despois de entrar en 2022 no Gabinete de Castela e León.

Comentarios