A halterofilia galega perde o seu principal evento

En 2024 non se disputará o histórico Trofeo Cidade da Coruña.
Ruth Fuentefría, do Club Halterofilia Coruña (Foto: Federación Galega de Halterofilia).
photo_camera Ruth Fuentefría, do Club Halterofilia Coruña (Foto: Federación Galega de Halterofilia).

Loito na halterofilia galega. A competición máis importante que se disputa no país, o Trofeo Internacional Cidade da Coruña, non alcanzará a súa edición número 27, logo da súa cancelación por "problemas orzamentarios".

A Federación Galega de Halterofilia (FGH) foi a encargada de oficializar nun comunicado unha nova que levaba sendo un segredo a voces no mundiño durante semanas: que un dos torneos máis antigos xa non da Galiza, senón do estado, non se disputará no ano 2024.

"Vimos organizando o Trofeo Internacional Cidade da Coruña ao longo dos últimos 28 anos [coa excepción de 2020 a causa da irrupción da pandemia da Covid-19], unha cita de ineludíbel e de indubidábel prestixio tanto no eido estatal como no europeo, onde era ben coñecido polas federacións internacionais", engadindo que "non sería posíbel realizalo ao longo de todos estes anos sen o apoio orzamentario e institucional do Concello da Coruña".

Esta é a causa última do adeus do certame, pois, segundo a FGH, "o concelleiro de Deportes do Concello da Coruña" explicoulles durante a última xuntanza que mantiveron que esta vez "non apoiarían" o torneo.

O motivo alegado para "tan drástica e inesperada decisión", que desde a Federación Galega recibiron "con enorme pesar, consternación e non pouca sorpresa" é a "falta de orzamento para esta área no Concello".

O ente presidido por David Losada Fernández revelou tamén que tratou de manter vivo un evento que en 2023 reuniu no Pavillón dos Rosais da cidade herculina 36 deportistas procedentes de países como Dinamarca, Alemaña, Hungría, Portugal ou Reino Unido ofrecéndose a "reducir no posíbel os custos", mais "desde o Concello da Coruña, a través do seu concelleiro de Deportes [Manuel José Vázquez], manifestaron a imposibilidade de achegar cantidade algunha e a Federación Galega de Halterofilia carece de recursos económicos propios para poder organizar como se merece un evento de tal magnitude".

A causa que alega a FGH é que, de asumir a responsabilidade de encargarse da proba, "comprometeríanse a totalidade das competicións galegas anuais".

Comentarios