Armengol data para o 26 e o 27 de setembro a tentativa de investidura de Núñez Feixoo

O PP ábrese agora a falar coas forzas independentistas catalás.
A presidenta do Congreso, Francina Armengol,. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera A presidenta do Congreso, Francina Armengol, a cuarta feira. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

A presidenta do Congreso español, Francina Armengol (PSOE), comunicou a cuarta feira que, tras falar dúas veces con Alberto Núñez Feixoo, líder do Partido Popular (PP), decidiu que o debate de investidura na Cámara Baixa se desenvolva o 26 e o 27 de setembro.

Con esta decisión, a raíz da designación de Feixoo como candidato á investidura por parte do rei español Felipe VI, Armengol evita que unha hipotética repetición electoral decorra nas celebracións do Nadal.

Logo do apoio confirmado por parte de Coalición Canaria, Unión del Pueblo Navarro e a forza ultraespañolista Vox, Feixoo está a catro escanos de alcanzar a maioría absoluta. Porén, semella previsíbel que non obterá ningún apoio adicional perante a negativa do resto de forzas do lexislativo -que apoiaron Armengol para liderar a Mesa do Congreso- a negociar sequera esta posibilidade co PP.

Desta forma, de fracasar o intento de investidura comezaría unha conta atrás de dous meses para formar Goberno antes da convocatoria de novos comicios estatais, que serían o 14 de xaneiro de 2024. Polo tanto, o prazo de Pedro Sánchez (PSOE) para lograr o apoio das forzas soberanistas, que require para seguir gobernando, esgotaríase a finais de novembro.

Malia que o PP defendía a organización dunha sesión de investidura rápida para Feixoo -algo que apoiaban o PSOE ou Sumar-, unha vez recibido o nomeamento do monarca a formación conservadora reclamou un prazo longo. “Obrigar un candidato a falar cos grupos en horas ou en días suporía que parte nunha posición de desigualdade respecto a outros que poden ter moito máis tempo”, subliñou Feixoo.

A próxima segunda feira comezarán as reunións do PP coas formacións con representación, nunhas xuntanzas das que a forza estatal excluíu Bildu, abrindo a porta a conversas con Junts e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), “cuxa tradición e legalidade non está en dúbida”, incidiu Esteban González Pons, da cúpula do PP.

Así e todo, máis alá dos ataques dos conservadores nos últimos anos ás forzas soberanistas, a extrema dereita, imprescindíbel para as posibilidades de investidura de Feixoo, recolleu no seu programa un referendo para ilegalizar “partidos separatistas”.

Pola súa parte, Sumar indicou que dous deputados seus por Catalunya se integrarán de forma temporal no grupo de ERC co fin de cumprir os requisitos para constituíren os republicanos grupo parlamentario propio. Facilitalo estaba no pacto con Sumar e PSOE para a Mesa do Congreso.

Comentarios