O Exército nixerino apoia os golpistas e consolida a sublevación

Níxer é o principal aliado dos EUA na zona e un lugar fundamental para a seguridade enerxética francesa, que depende en boa medida do uranio que empresas francesas extraen no país, un dos últimos do Índice de Desenvolvemento Humano da ONU.
Manifestantes contra o golpe. (Foto: Presidencia de Níxer)
photo_camera Manifestantes contra o golpe. (Foto: Presidencia de Níxer)

O mando central das Forzas Armadas de Níxer trasladou a quinta feira o seu apoio aos soldados e gardas presidenciais que a cuarta feira perpetraron un golpe de Estado no país, retendo o presidente Mohamed Bazoum e á súa familia na residencia oficial do mandatario en Niamey, a capital.

Os militares xustificaron o seu aval aos sublevados en evitar “un enfrontamento mortal que podería crear un baño de sangue e afectar a seguridade da poboación”, así como “preservar a integridade física” do presidente e das súas persoas achegadas.

Se o intento de ruptura constitucional acaba por triunfar, sería o quinto golpe de Estado con éxito no país desde que alcanzou a súa independencia en 1960 e acabou coa colonización francesa, tempo no que decorreron catro réximes militares e sete sistemas republicanos.

Na noite da cuarta feira, o coronel Amadou Abramane, presidente do autoproclamado Consello Nacional para a Salvagarda da Patria, defendeu que o presidente fora derrocado pola “degradación continua da situación de seguridade e a mala xestión económica e social”, antes de anunciar a suspensión das actividades de todos os partidos políticos, o feche das fronteiras e o decreto do toque de recoller.

Malia iso, Bazoum comunicou na mañá da quinta feira nas redes sociais que “todos os nixerinos apegados á democracia e á liberdade velarán” para “salvagardar os logros obtidos con tanto esforzo”. Ao tempo, o seu ministro de Exteriores, Hassoumi Massoudou, incidiu en que o intento de golpe “fracasará”, polo que informou de que asume o cargo de presidente provisorio.

Nesa liña, os medios internacionais confirmaron no mínimo dúas protestas con centos de persoas, unha a prol de Bazoum e outra a favor dos militares, na que se corearon consignas contra Francia e apareceron bandeiras rusas, como aconteceu nos golpes en Malí e Burkina Faso, que derivaron na retirada das tropas francesas do seu territorio.

O golpe de Estado foi condenado pola Unión Africana, os Estados Unidos e a Unión Europea, mentres Rusia e a China pediron diálogo entre as partes. O país “é o último aliado dos Estados Unidos que queda en pé nesa rexión”, explicou Al Jazeera, que transmitiu que Washington ten dúas bases de drones no país e arredor de 800 soldados que terían adestrado o Exército.

Tamén xera preocupación en Francia, que controla as principais minas de uranio do país, co que alimenta as súas centrais nucleares. Segundo as fontes, entre 20% e 40% da produción eléctrica francesa depende de Níxer.

Comentarios