A UE négase a fixar prazos para a adhesión como reclama Ucraína

Alemaña aproba a entrega de Leopard 1 a Kíiv mentres a UE desenvolve a cimeira conxunta con Ucraína, considerada unha decepción para o presidente Zelenski.
Charles Michel (presidente do Consello Europeo), Volodimir Zelenski (mandatario ucraíno) e Ursula von der Leyen (presidenta da Comisión Europea), a sexta feria en Kíiv. (Foto: APA Images via ZUMA Press Wire / DPA)
photo_camera Charles Michel (presidente do Consello Europeo), Volodimir Zelenski (mandatario ucraíno) e Ursula von der Leyen (presidenta da Comisión Europea), a sexta feria en Kíiv. (Foto: APA Images via ZUMA Press Wire / DPA)

“O obxectivo é comezar negociacións [para a adhesión á Unión Europea, UE] este ano, non é un propósito senón o obxectivo máis importante”, insistiu a sexta feira o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, na cimeira entre o bloque comunitario e Ucraína.

Así e todo, a presidenta do Executivo da UE, Ursula von der Leyen, aclarou que “non hai prazos marcados, senón obxectivos que hai que lograr, reformas para mellorar a situación no país candidato para despois abrir as negociacións de adhesión”. Nese sentido, o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, apuntou que non se poderán abordar os pasos que precisa Kíiv para ser quen de entrar até despois do informe de avaliación da Comisión Europea após o verán.

No cumio programouse unha folla de ruta centrada en medidas comerciais e económicas, un día despois de que von der Leyen se amosara confiada en que o 24 de febreiro, no primeiro aniversario da invasión rusa, estará listo o 10º paquete de sancións unilaterais da UE contra Moscova, e de anunciar que a UE adestrará até 30.000 soldados ucraínos.

The New York Times subliñou citando fontes diplomáticas a decepción de Zelenski cos resultados da cimeira, cunha presenza de líderes da UE esencialmente simbólica tras aceptar Bruxelas concederlle o status de candidato “baixo a presión da opinión pública e dos Estados Unidos”.

Desde Berlín, o voceiro do Goberno que dirixe Olaf Scholz, Steffen Hebestreit, confirmou que concederon unha licencia de exportación de tanques Leopard 1 a Ucraína, após asinar o envío e a autorización de reexportación do Leopard 2 a Kíiv, unha versión máis moderna. Os Leopard 1 foron fabricados nas décadas de 1970 e 1980, e hai case 20 anos foron retirados do servizo nas Forzas Armadas alemás.

Amais, os Estados Unidos ratificaron o envío dun novo paquete de axuda militar a Ucraína con armas e munición por valor de máis de 2.000 millóns de euros.

Ao respecto do conflito bélico, cando menos unha persoa morreu pola explosión dun coche bomba na cidade de Energodar, na que se localiza a central nuclear de Zaporijia, e que foi incorporada por Rusia o pasado mes de setembro nun referendo rexional non recoñecido pola Organización das Nacións Unidas.

En última instancia, Washington denunciou onte a presenza no seu espazo aéreo dun globo chinés, que Beijing definiu como de “natureza civil e usado para investigación científica”, e que se viu desprazado da súa ruta por motivos meteorolóxicos. Isto levou o secretario de Estado, Antony Blinken, a pospor a viaxe á China que tiña programada a vindeira semana.

Comentarios