Biden rexeita a solicitude de Kíiv de enviar avións de combate

Denuncian o uso de minas prohibidas por parte das Forzas Armadas ucraínas, entrementres, ningún país se comprometeu polo de agora a remitir a Kíiv os cazas que solicita.
Edificio atacado en Mykolaiv. (Foto: Ukraine Presidency via Planet / DPA)
photo_camera Edificio atacado en Mykolaiv. (Foto: Ukraine Presidency via Planet / DPA)

Na madrugada da terza feira o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, negou a posibilidade de enviar cazas F-16 como vén reclamando o Executivo ucraíno que encabeza o seu homólogo, Volodimir Zelenski, desde que Berlín e Washington deron luz verde á entrega de tanques fabricados nestes países.

As declaracións chegan despois de que o chanceler alemán, Olaf Scholz, definira como “irracional” o debate pouco despois de aprobar o envío de carros de combate. Tamén o Reino Unido fechou a porta á entrega de avións de combate por “non ser prácticos” para as Forzas Armadas ucraínas. Mentres, o líder francés, Emmanuel Macron, indicou que “nada está excluído”.

A contestación chegou de Gitanas Nauseda, o presidente lituano, que instou a “cruzar as liñas vermellas” e enviar os cazas, sinalando que nun primeiro intre tamén foi negada a achega de tanques a Kíiv.

Pola súa banda, a ONG Human Rights Watch fixo público un informe no que responsabiliza Ucraína do uso de “minas bolboreta”, pequenos artefactos explosivos prohibidos do tamaño dunha man espallados por medio de mísiles na cidade de Izium, no leste do país, que estivo controlada até setembro polas tropas rusas. Estas minas causaron a morte de cando menos 11 civís e feridas en 50 máis -cinco deles crianzas-.

Malia que este é o cuarto informe ao respecto da organización desde a invasión rusa, nos anteriores só referían o uso por parte de Rusia doutro tipo de minas antipersoa, tamén consideradas armamento prohibido. Xa en agosto de 2022, o correspondente de Nós Diario no Donbás, Bruno Carvalho, denunciara que Kíiv empregara estas minas en zonas residenciais de Donetsk, causando até 53 vítimas só en agosto, a meirande parte coas extremidades amputadas por mor destas minas.

A entidade sostivo que máis de 100 testemuños de residentes sinalaron que os militares rusos fixeron volantes para alertar a poboación, quitaron as minas de áreas públicas e privadas e trasladaron varias vítimas a Rusia para recibir atención médica axeitada.

Esponxa de titanio

A revista Newsweek sitúa a esponxa de titanio como o principal interese dos Estados Unidos en Ucraína, identificando “un esforzo nacente no país” para acceder a un recurso chave para os sistemas militares e do que ten que importar máis de 90% do que consume. A China, o Xapón e Rusia son os principais produtores do planeta desta esponxa, o primeiro paso para producir láminas de titanio.

Comentarios