Opinión

Tribulación na OTAN

Anarrativa sobre a inevitábel vitoria de Ucraína que escoitamos nos medios de forma recorrente, afronta unha nova crise de credibilidade, coas notorias derrotas do exército de Zelenski nas últimas semanas. A guerra de desgaste imposta por Rusia dende o pasado verán, coa enorme sangría de compañías, batallóns e divisións ucraíno-occidentais está facendo que o Estado Maior da OTAN estea cada vez máis preocupado. 

Reflexionemos un pouco. Como pode ser que medios e gobernos europeos afirmen que a guerra vai ben para Zelenski se non fai máis que pedir máis e máis armamento, despois de recibir máis de 100 mil millóns de dólares en axuda militar (80% do seu PIB)? Se tal "información" fose veraz o que estariamos cansos de ver na televisión sería batallóns rusos enteiros destruídos ou capturados e o Donbáss a punto de ser "recuperado".

Nada máis lonxe. Mentres os medios intoxicaban sobre o que ocorría no campo de batalla os rusos destruían sistematicamente equipos e centros de mando militares e unha parte substancial das infraestruturas críticas (estacións e subestacións eléctricas, liñas de ferrocarril, etc.).

Simultaneamente, amodo, cun mínimo custo en baixas propias, pulverizaban coa artillaría as liñas de defensa construídas pola OTAN nos últimos oito anos. As perdas militares ucraínas, segundo analistas occidentais independentes, serían de máis de 300.000, entre mortos e feridos (Von der Leyen recoñecía en novembro unha cifra similar), e cunha proporción de 10 a 1 a favor do exército ruso. Ata Arestovich, ex asesor de Zelenski ata hai uns días, recoñece a gravidade do panorama.

Esta gravísima situación, que non se acaba de recoñecer en público, é a razón que explica o fracaso da xuntanza da OTAN celebrada na base ianqui de Ramstein en Alemaña. Scholz, que xa se vía como Hitler hai oitenta anos enviando os tanques contra Moscova e encontrándose pouco despois co exército ruso en Berlín, esixiu que Biden enviase primeiro os seus M1 Abrams.

A ultra Polonia estaba disposta a envialos en solitario, quixese ou non Alemaña, así que Scholz finalmente autorizou o envío dunha ducia de tanques, xunto con outros países da OTAN. Os Leopard correrán a mesma sorte que os malogrados centos de Javelin, HIMARS, obuses, drons, blindados, etc. subministrados anteriormente por Occidente e non farán nada máis que alargar o sufrimento dos ucraínos e a ruína da UE.

A concesión in extremis de Alemaña é un indicador dos desacordos entre ianquis, británicos, polacos e bálticos, por un lado, e o resto da OTAN, revelando un notábel aumento do malestar interno.

E todo isto no medio de corrupción a esgalla, divisións internas e axustes de contas en Kíiv, ao máis puro estilo mafioso. A OTAN necesitaba facer un xesto para evitar a implosión do goberno Zelenski, ao estilo de Groucho: máis madeira, é a guerra!

Xa aparecen tribunas en El País (!) que dubidan da utilidade de seguir enviando máis armamento ao buraco negro ucraíno. A articulista insta a reflexionar, "democratizar Ucraína" e a "recompoñer as relacións con Rusia, porque Rusia non vai desaparecer". Nada que obxectar, pero Europa segue perigosamente na inopia.

Comentarios