Zelenski sostén que entrar na UE é unha "motivación" para Kíiv

Bruxelas aproba definitivamente unha nova entrega de armas a Ucraína por valor de 500 millóns de euros, entrementres, as autoridades de Kíiv confían en estar preparadas para entrar na Unión Europea a finais de 2024.
Ursula von der Leyen, a quinta feira. (Foto: Ukraine Presidency / dpa)
photo_camera Ursula von der Leyen, a quinta feira. (Foto: Ukraine Presidency / dpa)

A presidenta do Executivo da Unión Europea (UE), Ursula von der Leyen, desprazouse a quinta feira a Kíiv, Ucraína, xunta quince comisarios da institución, un día antes da cimeira prevista UE-Ucraína. A alemá fixo público que agarda que o bloque comunitario poida presentar o 24 de febreiro, cando se fai un ano da invasión rusa, o décimo paquete de sancións unilaterais contra Moscova.

Este anuncio chegou despois de que na rolda de prensa común o mandatario ucraíno, Volodimir Zelenski, cuestionara que está a diminuír na UE a “velocidade das sancións”, e destacando que para Kíiv a posibilidade de no futuro entrar no bloque comunitario é unha “motivación” para combater as Forzas Armadas rusas.

Nese sentido, o seu primeiro ministro, Denys Schmyhal, salientou ao semanario Der Spiegel que confían en “estar formalmente preparados para ser membros” a finais de 2024, tras conseguir ser considerado país candidato en xuño de 2022, no contexto da guerra con Rusia.

Despois dos últimos avances rusos na rexión de Donetsk, o ministro de Defensa ucraíno, Oleksiy Reznikov, defendeu que Moscova ten programado lanzar unha nova ofensiva militar no primeiro ano da invasión. Mentres, o departamento de Intelixencia asegurou que o presidente ruso, Vladimir Putin, ordenou ao Exército que asegure o seu control de todo o Donbás antes do final de marzo. Ao tempo, bombardeos rusos en Kramatorsk, Donetsk, deixaron tres mortes.

Pola súa parte, o Alto representante da UE para Política Exterior, Josep Borrell, apuntou que os Estados membros xa aprobaron o envío de armas por valor de 500 millóns de euros, que fora anunciado hai varias semanas e que eleva a 3.600 millóns de euros o valor do armamento entregado por Bruxelas.

Desde Moscova, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, sinalou perante as novas que sinalan que os Estados Unidos entregarán a Kíiv mísiles que poden alcanzar obxectivos a 150 km de distancia que “a medida que Occidente entregue novas armas Rusia fará un maior uso do seu potencial”.

Ademais, Putin liderou os actos de homenaxe no 80º aniversario da fin da batalla de Stalingrado (hoxe Volgogrado), na que as tropas soviéticas derrotaron o Exército alemán apoiado polos de Romanía, Hungría ou Italia, no que supuxo o punto de inflexión na derrota do fascismo.

Na conmemoración, o mandatario fixo un paralelismo co conflito en Ucraína, incidindo en que “os sucesores de [Adolf] Hitler queren unha vez máis pelexar con Rusia en terra ucraína”, advertindo que volven estar “ameazados polos tanques alemáns”.

Comentarios