Moscova anuncia avances en Donetsk e Kíiv confía na entrega de cazas

Até finais deste ano ou comezos de 2024 os carros de combate estadounidenses non chegarían a Ucraína.
Un soldado ucraíno en Donetsk. (Foto: Madeleine Kelly / Zuma Press)
photo_camera Un soldado ucraíno en Donetsk. (Foto: Madeleine Kelly / Zuma Press)

O voceiro do Ministerio de Defensa ruso, Igor Konashenkov, destacou esta segunda feira que están a desenvolver novas ofensivas na rexión de Donetsk, acadando avances nas liñas da fronte perto da localidade de Vugledar nos enfrontamentos co Exército ucraíno. Máis aló dos ataques aéreos, o centro dos combates continúa a ser o leste ucraíno, especialmente a cidade de Bakhmut.

Por parte de Kíiv, o xefe da oficina presidencial, Andriy Yermak, fixo público que teñen "sinais positivos" por parte de Polonia con respecto á súa petición de avións de combate, salientando que Varsovia está lista para mandalos "en coordinación" coa Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Ao respecto desta cuestión, o chanceler alemán, Olaf Scholz, cualificou como irracional o debate ao producirse días despois de aceptar o envío de tanques, chamando a evitar "unha competición de ofertas na que os motivos políticos internos desempeñen un papel máis importante que o apoio a Ucraína", deixando entrever que acordaron cos Estados Unidos non cruzar esa liña no comezo da invasión rusa.

Para que Berlín aceptara enviar os seus tanques e autorizar terceiros países a facer o mesmo, Washington tivo que prometer 31 unidades do seu tanque M1 Abrams a Kíiv. A pesar diso, The Washington Post desvelou que até finais deste ano ou comezos de 2024 os carros de combate estadounidenses non chegarían a Ucraína.

No plano militar, tres persoas morreron polos bombardeos rusos o domingo, ás que hai que engadir outros seis feridos, informou esta segunda feira Kíiv.

Mentres, Moscova denuncia como crimes de guerra os bombardeos ucraínos contra dous hospitais en Luhansk e Khersón a fin de semana, que provocaron cando menos 14 mortes e feridas en 34 persoas.

Comentarios