Os Estados Unidos preparan o envío de mísiles de longo alcance ao Exército ucraíno

Biden ábrese a debater a petición de cazas despois de negar un día antes que fora unha posibilidade real, mentres, o seu Goberno acepta a solicitude de Kíiv de mísiles de longo alcance.
Volodimir Zelenski, presidente ucraíno. (Foto: Ukraine Presidency / Planet Pix vi / DPA)
photo_camera Volodimir Zelenski, presidente ucraíno. (Foto: Ukraine Presidency / Planet Pix vi / DPA)

Washington ultima un novo paquete de axuda militar a Ucraína que suma arredor de 2.000 millóns de euros en armamento, e que incluiría por primeira vez mísiles de longo alcance cos que Kíiv podería atacar territorio ruso, amais de armas anti tanque, municións ou equipo de apoio á defensa aérea, desvelou Reuters a cuarta feira. Desde a invasión rusa en febreiro de 2022 os membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte mandaron armas ao país por valor de máis de 35.000 millóns de euros.

A inclusión de mísiles que poden alcanzar obxectivos a 150 quilómetros de distancia supón “un aumento das tensións e unha escalada”, subliñou o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, que fixo fincapé en que así e todo “non cambiarán o curso dos acontecementos”.

Esta clase de mísiles xunto a avións de combate foron as principais peticións do Executivo ucraíno após confirmarse que Alemaña e os Estados Unidos -neste último caso a finais deste ano como moi pronto- entregarán tanques ás Forzas Armadas ucraínas, e moito máis importante, Berlín permitirá a reexportación dos seus carros blindados.

Nunha primeira fase, o Gabinete de Volodimir Zelenski agarda recibir 140 tanques de cara á primavera. Neste sentido, Madrid informou de que se están a rehabilitar cinco unidades para envialas a Kíiv.

A pesar do envío dos mísiles, Washington rexeitou a solicitude ucraína de mandar mísiles que puideran impactar a 300 km de distancia. Pola contra, o presidente Joe Biden defendeu que falarán arredor dos cazas após negar que o seu envío fora unha posibilidade real.

Xa en Ucraína, o líder do comité lexislativo referente á enerxía, Andriy Gerus, advertiu dun déficit de 4.500 megawatts no sistema eléctrico a raíz da vaga de ataques rusos contra infraestruturas enerxéticas, polo que se manteñen as apagadas periódicas perante un aumento do consumo de electricidade pola chegada do inverno, sinalou a operadora eléctrica estatal, Ukrenergo.

No que atinxe á situación militar, Moscova anunciou que na rexión de Donetsk “Bakhmut está cercado operativamente”, ficando pendente de controlar unha estrada que enlaza a urbe con Chasiv Yar, após informar da toma de varias localidades na contorna nos últimos días.

Con respecto ás vítimas do conflito bélico, a última actualización da Organización das Nacións Unidas marca en 7.110 o número de civís mortos, máis de 400 deles menores de idade, desde a invasión rusa, aos que hai que engadir máis de 14.000 persoas falecidas desde o comezo da guerra no país en 2014.

Comentarios