Ucraína e Rusia acordan intercambiar un total de cen soldados presos

Repunta dos ataques após o Nadal ortodoxo.
Soldados rusos liberados por Ucraína subindo a autobuses (Foto: Nós Diario).
photo_camera Soldados rusos liberados por Ucraína subindo a autobuses (Foto: Nós Diario).

Ucraína e Rusia acordaron o intercambio de 100 soldados de ambos os bandos que caeron presos durante combates en territorio ucraíno, segundo transcendeu onte tras as negociacións mantidas nos últimos días entre os dous Estados. 

Por outra parte, o Ministerio de Defensa de Bielorrusia informou onte de que realizará manobras aéreas conxuntas con Rusia durante un período de dúas semanas. "Entre o 16 de xaneiro ao 1 de febreiro de 2023 terán lugar uns exercicios tácticos aéreos colectivos das Forzas Armadas de Bielorrusia e Rusia", afirmou.

Para estas manobras chegaron o domingo a Bielorrusia varias unidades rusas, nuns exercicios que implicarán a todas as bases e zonas de adestramento da Forza Aérea bielorrusa. Os dous Estados crearon unha forza de conxunta en outono para reforzar as súas fronteiras exteriores. 

Ucraína manifesta a súa desconfianza sobre o obxectivo desta mobilización, da que participan 9.000 militares rusos que estarán destinados permanentemente en solo bielorruso, polo que teme que sexa a punta de lanza dunha posíbel ofensiva conxunta sobre Ucraína.

Este anuncio chega no contexto da repunta das hostilidades entre Rusia e Ucraína, despois de que este domingo culminará a tregua de 36 horas anunciada por Moscova con motivo da celebración do Nadal ortodoxo.

As autoridades de Ucraína informaron onte de que dúas persoas morreron e varias resultaron feridas a causa dun ataque das forzas rusas contra un mercado da rexión de Járkov. 

Da outra parte, Rusia denunciou unha ofensiva ucraína contra un centro psicolóxico na localidade de Gorlovka, ao norte da cidade de Donetsk (Donbás), que non tería producido ningunha morte.

Ademais, as autoridades afíns a Rusia da rexión de Donetsk, anunciaron onte que se fixeron co control da localidade de Bajmutske, ao sur de Soledar, no seu avance cara á cidade de Bajmut. "Hoxe, 9 de xaneiro de 2023, Bajmutske foi liberada no territorio de Donetsk polas Forzas Armadas de Rusia", sinalaron ditas autoridades.

Comentarios