Rusia decreta un alto o fogo para o Nadal a petición do líder ortodoxo

Putin resolveu frear as hostilidades desde o 6 até a fin do 7 de xaneiro, datas nas que se conmemora o Nadal entre os cristiáns ortodoxos, mentres, Turquía solicita que o alto o fogo dea paso a conversas de paz.
Vladimir Putin. (Foto: Kremlin / dpa)
photo_camera Vladimir Putin. (Foto: Kremlin / dpa)

Desde o mediodía do 6 de xaneiro até o último minuto do día 7 as Forzas Armadas rusas paralizarán a súa actividade militar en Ucraína tras facerse pública a orde do presidente ruso, Vladimir Putin, de decretar onte un alto o fogo durante ese período “debido ao gran número de cidadáns ortodoxos que viven nas zonas de conflito”, o que lles permitiría celebrar as festividades do Nadal, que os cristiáns ortodoxos celebran en base ao calendario xuliano.

Asemade, o Kremlin reclamou á “parte ucraína que declare un alto o fogo e lles permita [ás e aos cidadáns] asistir aos oficios”.

A contestación ucraína estivo a cargo de Mijail Podoliak, asesor da Presidencia, que definiu a decisión como “unha trama cínica e un elemento de propaganda”.

Poucas horas antes, o patriarca Kirill, líder da Igrexa Ortodoxa de Rusia, solicitara a medida a Putin, no marco da persecución dos centros relixiosos en Ucraína por acusacións de colaborar con Moscova.

Tamén o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, efectuou unha solicitude semellante nunha conversa telefónica con Putin, na que lle pediu un alto o fogo unilateral que permita desenvolver negociacións de paz que poñan fin á guerra en Ucraína cunha “visión para unha solución xusta”, destacando as conversas que permitiron aprobar o pacto para a exportación de gran por un corredor humanitario no mar Negro.

Pola súa parte, Putin “reafirmou a disposición de Rusia a un diálogo serio, sempre que as autoridades de Kíiv cumpran coas ben coñecidas demandas”, que inclúen que asuma “a nova realidade sobre o terreo”.

Ao tempo, o mandatario ruso criticou o “papel destrutivo dos países occidentais, que entregan armas e equipamento militar ao réxime de Kíiv, así como información operativa e identificación de obxectivos”. Entrementres, Erdogan apuntou que tiña previsto falar co presidente ucraíno, Volodimir Zelenski.

Situación militar

No plano bélico, os intercambios mantivéronse, as autoridades de Vasilievka, na zona da rexión de Zaporijia controlada por Moscova, informaron de que seis persoas morreron nun ataque do Exército ucraíno contra unha zona residencial. Mentres, Kíiv denunciou a morte dunha persoa nun ataque ruso contra as localidades de Chornobayivka e Komishani, en Khersón.

En Donetsk, onde se está a desenvolver o groso dos combates, Kíiv comunicou que 60% de Bakhmut está destruída, algo que atribuíu aos bombardeos do Exército ruso.

Comentarios