Os bombardeos en Ucraína seguen tras rexeitar Kíiv o alto o fogo

Moscova critica a entrega de armas alemás anunciada no comezo do alto o fogo unilateral ruso, que finalmente non propiciou unha paralización dos combates ao negarse Kíiv a unirse ao cesamento das hostilidades.
Restos dunha ponte no Dniéper. (Foto: Ximena Borrazas / SOPA Images via / DPA)
photo_camera Restos dunha ponte no Dniéper. (Foto: Ximena Borrazas / SOPA Images via / DPA)

Xusto ao comezo do alto o fogo unilateral decretado por Rusia entre o mediodía desta sexta feira e a medianoite entre hoxe e o sábado, durante a celebración do Nadal dos cristiáns ortodoxos rusos e ucraínos, as Forzas Armadas de Ucraína lanzaron unha vaga de ataques aéreos contra a cidade de Donetsk, que tamén se estenderon aos oblast de Luhansk e Zaporijia, denunciou Moscova.

Nese sentido, informaron de que as súas tropas "se limitan" a responder aos ataques. Pola súa parte, Kíiv comunicou que pouco antes da entrada en vigor do alto o fogo ruso foi atacada a estación de bombeiros de Khersón, causando un número indeterminado de “mortos e feridos”.

Esta situación chega despois de que o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, rexeitara o chamamento a unirse ao alto o fogo instaurado polo seu homólogo ruso, Vladimir Putin, e que foi criticado polo mandatario estadounidense, Joe Biden, que o definiu como un “xesto exclusivamente propagandístico”.

O correspondente de Al Jazeera Charles Stratford xa advertira de que un cambio nos plans militares ucraínos era “moi improbábel”. Así e todo, o principal conselleiro de Zelenski, Mikhail Podolyak, acusou Rusia de violar o alto o fogo.

Mentres, o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, António Guterres, trasladou que “recibiu positivamente” a noticia do cesamento provisorio das hostilidades por parte de Moscova mais reiterou que “o que importa fundamentalmente é unha solución ao conflito”.

Asemade, a embaixada rusa en Berlín cuestionou o anuncio de que o país teutón enviará a Kíiv un segundo sistema de defensa Patriot e vehículos blindados, sostendo que a entrega de “armas letais e equipamento militar pesado” para que sexa utilizado contra a poboación do Donbás “é unha liña moral que non deberon ter cruzado tendo en conta a responsabilidade histórica de Alemaña polos crimes do nazismo”.

Ademais, Anatoly Antonov, embaixador ruso en Washington, destacou que todos os feitos “apuntan directamente á falta de desexo dos Estados Unidos dun acordo político en Ucraína”.

Novas entregas de armas

Nese sentido, o ministro de Exteriores ucraíno, Dmitro Kuleba, subliñou que “a era do tabú sobre as armas rematou”, asegurando que este ano “recibirán armas que non puideron obter en 2022”.

O ano pasado os países da Organización do Tratado do Atlántico Norte entregaron a Kíiv máis de 35.000 millóns de euros en armas.

Comentarios