A riqueza cultural da Galiza, ao mellor postor: continúa a venda de bens de interese cultural

En 2016 eran 129 os pazos e casas señoriais á venda. A finais de 2023, a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias cifraba 250 pazos, dos case 900 do inventario xeral de patrimonio, os que están dispoñíbeis para a venda
BIC de Santo Estevo do Castro de Amarante, á venda por 1.300.000 euros. (Foto: Idealista)
photo_camera BIC de Santo Estevo do Castro de Amarante, á venda por 1.300.000 euros. (Foto: Idealista)

Cruceiros, fortalezas, mosteiros, reitorais... Non son poucos os BIC galegos que figuran á venda. Un deles, por exemplo, o pazo de Santo Estevo do Castro de Amarante, en Antas de Ulla, comarca da Ulloa, cunha fortaleza declarada BIC e á venda nun portal especializado por 1.300.000 euros. "Está en perfecto estado para ser utilizado como vivenda ou para xestionar como negocio de celebración de eventos. O Pazo ten unha torre do século XIII e o pazo e a capela son do século XVII", describían este conxunto. Na primavera pasada, veciñanza deste Concello mobilizouse para reclamar a apertura ao público da fortaleza. 

Os edificios BIC si se poden vender, mais sempre se debe informar desta operación á Xunta da Galiza, que ten dereito de tenteo ou retracto. É dicir, se iguala a oferta, a Administración galega fica co BIC. No país hai, segundo o rexistro da Administración galega, ao redor de 800 BIC declarados. Están clasificados como bens móbeis, inmóbeis ou inmateriais. Cada categoría ten unhas obrigas e condicións.

A través de diferentes portais e páxinas webs especializadas poden atoparse á venda 39 aldeas na Galiza, 23 adegas e viñedos e 171 pazos e casas señoriais. Mais a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) amplía a cifra a 250 pazos que están dispoñíbeis para a venda.

No Inventario Xeral de Patrimonio están catalogados case 900 inmóbeis deste tipo, polo que practicamente unha cuarta parte deles están á venda no mercado inmobiliario. A Fegein salientaba en 2022 o aumento da oferta destas propiedades, 50 máis na comparativa interanual, concluíndo que "hai máis pazos que nunca en venda desde que temos datos dos mesmos".

Na última década vendéronse na Galiza ao redor  de 100 aldeas abandonadas, núcleos noutrora con veciñanza e vida propia e que o proceso de despoboamento e baleirado do rural deixou abandonadas. Persoas estranxeiras e investidoras doutras partes do Estado están entre as principais interesadas no que consideran 'gangas', mais non son as únicas. O número de aldeas abandonadas na Galiza non para de medrar.

A posibilidade de adquirir un destes núcleos nunha contorna privilexiada do rural galego atrae estranxeiros e investidores doutros territorios do Estado, mais tamén emigrantes retornados ou, en moita menor medida, grupos de parellas novas que optan por dar o salto da cidade cara ao rural. Actualmente hai 39 aldeas abandonadas na Galiza, o que representa 33% do total de 119 que se venden no conxunto do Estado español. Unha de cada tres en venda, pois, está en territorio galego.

200 bens e monumentos en risco de desaparición

De conventos a cruceiros, pasando por pontes, igrexas ou círculos líticos. Os bens que integran as listas vermellas elaboradas por asociacións e colectivos de defensa do patrimonio da Galiza continúan a aumentar. Son listaxes nas que se inclúen aqueles elementos do patrimonio que se atopan en grave risco de degradación, deterioración ou desaparición. Unha comisión científica integrada por especialistas na materia é quen elabora esta lista en base a criterios como a importancia histórica e arquitectónica do ben ou o estado no que se encontra.

Hai dúas listas que destacan, a de Patrimonio Galego e a de Hispania Nostra. Este último colectivo naceu hai 40 anos para defender e pór en valor o patrimonio desde a sociedade civil. En 2007, impulsou a coñecida como Lista vermella do patrimonio. En 2014, integraban esa listaxe 12 bens galegos. A finais de 2023 eran 69. Máis completa é aínda a lista vermella (definición empregada a nivel internacional para se referir a aqueles bens en estado de abandono ou risco) que fai Patrimonio Galego, con máis de 12.000 bens culturais catalogados por todo o país. Na súa lista vermella figuran 120 tesouros do noso pasado “en perigo inminente”.

Comentarios