Kíiv busca apoio para aplicar as súas condicións á fin da guerra

Arabia Saudita acolle unha reunión para tratar de incluír máis países na órbita de apoio á formula de paz ucraína, perante unha contraofensiva que de fracasar desataría as presións da OTAN a Kíiv para acabar co conflito, sosteñen medios especializados.
Volodimir Zelenski. (Foto: Ukraine Presidency / Europa Press / Contacto)
photo_camera Volodimir Zelenski. (Foto: Ukraine Presidency / Europa Press / Contacto)

O voceiro do presidente ucraíno Volodimir Zelenski, Andriy Yermak, confirmou a segunda feira que o 5 e 6 de agosto está previsto que Arabia Saudita acolla conversas para unha “paz xusta” na guerra entre Ucraína e Rusia, na que procurará que arredor de 30 Estados, incluídos o Brasil e a India, amais dos membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), apoien a proposta de paz elaborada por Kíiv, que defende a saída dos militares rusos do que considera o seu territorio antes de abordar conversas de paz.

The Wall Street Journal cita diplomáticos dos membros da OTAN que inciden que na cimeira pretenden recoller apoios para a fin da guerra nos termos incluídos na fórmula ucraína, coa vista posta en estabelecer unha posición máis favorábel a Kíiv nunhas hipotéticas negociacións con Moscova, así como nun posíbel cumio para a paz este ano.

Asemade, as e os diplomáticos apuntaron que a elección de Arabia Saudita para a cita é un intento de que a China se inclúa na reunión, tras unha primeira xuntanza en xuño en Dinamarca na que tería participado o Brasil, a India, Turquía ou Suráfrica.

Dmitri Peskov, voceiro do Kremlin, afirmou que “calquera intento de contribuír a un arranxo pacífico merece unha valoración positiva”, sinalando que “Rusia vai seguir de perto esa reunión”.

A pasada semana países africanos pediron a Moscova que aborde a fin da guerra, após deseñar varios Estados do continente o plan de paz máis avanzado até o de agora, e que está baseado na desescalada da guerra antes de tratar a fin das hostilidades. Tamén a China e o Brasil lanzaron cadansúa proposta e mantiveron contactos con ambas as partes.

Rusia defendeu que Ucraína non quere negociar e ten que asumir as “novas realidades” para acabar co conflito. Nese sentido, Peskov subliñou que a paz é imposíbel mentres Kíiv “sexa utilizado exclusivamente como unha ferramenta de guerra do Occidente colectivo contra Rusia”.

Arredor da fin da guerra, medios especializados vinculan a posición da OTAN no futuro en relación a Ucraína co resultado da contraofensiva militar, que no caso de fracasar levaríaa a premer a Zelenski para que negocie a paz con Rusia.

En paralelo á contraofensiva, que polo de agora non rexistrou avances salientábeis, cinco persoas morreron nun bombardeo do Exército ruso que impactou contra un edificio residencial en Kryvyi Rih, e tres faleceron en Donetsk nun ataque ucraíno que golpeou un autobús de pasaxeiros.

Comentarios