Trump denuncia unha "caza de bruxas" após unha nova acusación

Cuarto caso penal presentado contra o ex presidente dos EUA, que buscar obter un novo mandato nas eleccións presidenciais de 2024.
Donald Trump (Foto: Rich Graessle / Europa Press / Contacto).
photo_camera Donald Trump o domingo. (Foto: Rich Graessle / Europa Press / Contacto)

“A caza de bruxas continúa”, proclamou a terza feira o ex presidente republicano dos Estados Unidos entre 2017 e 2021, Donald Trump, poucas horas despois de facerse pública a cuarta acusación penal contra el desde que abandonou o poder, que se refire ao seu intento -e dos seus aliados- de ser declarado como vencedor en Xeorxia nas presidenciais de 2020 a pesar da súa derrota nas urnas.

Trump cuestionou os motivos polos que non foi acusado hai dous anos e medio, afirmando que responde ao interese de “facelo xusto no medio da miña campaña política”, e adiantou que a segunda feira da vindeira semana presentará en Nova Jersey un “informe grande, complexo, detallado pero irrefutábel sobre a fraude electoral presidencial que tivo lugar en Xeorxia”, insistindo en que provocará unha “exoneración completa” e que non foron perseguidos “os que manipularon as eleccións”.

O ex mandatario e outras 18 persoas están acusadas de 10 cargos criminais en base a leis “normalmente asociadas con mafiosos”, apunta AP, logo de constatar a Fiscalía que “en lugar de acatar o proceso legal de Xeorxia para as impugnacións electorais, os acusados involucráronse nunha empresa de crime organizado para anular o resultado das eleccións presidenciais en Xeorxia”, asegurou Fani Willis, fiscal de distrito do condado de Fulton.

Imputación

A acusación describe desde o acoso a un traballador electoral que afrontou falsas denuncias de fraude até a tentativa de que os lexisladores estatais designasen electores falsos que votasen no Colexio Electoral a favor de Trump a pesar da vitoria nas urnas do demócrata Joe Biden, pasando polo roubo de datos dunha empresa de máquinas de votación para demostrar a suposta fraude.

A imputación de Trump produciuse dúas semanas despois de ser acusado a nivel federal dunha conspiración para anular o resultado das eleccións e manterse no poder, no marco do asalto do Capitolio por parte dos seus seguidores para evitar que certificase a Biden como novo mandatario, no caso máis grave até o de agora na súa contra.

Gastos legais

Aínda que o ex presidente, que está á cabeza das enquisas -cunha ampla diferenza- para facerse co nomeamento republicano como candidato presidencial en 2024, conseguiu un impulso na súa recadación de fondos para a campaña após cada imputación, o politólogo da Universidade de Virxinia Larry Sabato advertiu a AFP que “xa gastou unha grande porcentaxe das súas contribucións en gastos legais”.

Comentarios