Trump, sinalado como culpábel do asalto ao Capitolio: "Ningún dos acontecementos ocorrería sen el"

O comité do Congreso que investigou durante o último ano e medio a invasión do edificio por parte de simpatizantes radicais do ex presidente conclúe que foi o propio Donald Trump o máximo responsábel. Os congresistas piden para el a inhabilitación total e que sexa axuizado pola presunta comisión de catro delitos, entre eles o de insurrección.
Miles de persoas vinculadas con movementos de extrema dereita e alentadas por Donald Trump asaltaron o Capitolio o 6 de xaneiro de 2021. (Foto: Douglas Christian / ZUMA Wire)
photo_camera Miles de persoas vinculadas con movementos de extrema dereita e alentadas por Donald Trump asaltaron o Capitolio o 6 de xaneiro de 2021. (Foto: Douglas Christian / ZUMA Wire)

Cando vai camiño de facer dous anos o asalto ao Capitolio estadounidense a mans de seguidores radicais de Donald Trump, o comité da Cámara de Representantes que investiga eses sucesos conclúe que o máximo responsábel foi, precisamente, o ex presidente. Así o reflicten os congresistas nun informe de 845 páxinas baseado en máis de 1.000 entrevistas e documentos recompilados entre correos electrónicos, mensaxes de texto e rexistros telefónicos ao longo dun ano e medio de pescudas.

"A causa central do 6 de xaneiro foi un home, o ex presidente Trump, a quen moitos outros seguiron. Ningún dos acontecementos ocorrería sen el". Nestes termos tan concisos sinala o documento á clara responsabilidade do dirixente republicano, que alentou coas súas acusacións de fraude electoral unha invasión ao Capitolio que tiña por obxectivo deter o proceso de transición en favor de Joe Biden.

O ex presidente, sostén o mesmo informe, "involucrouse criminalmente nunha conspiración de varias partes" con ese fin de anular os resultados lexítimos das eleccións presidenciais de novembro de 2020. Para iso, indica, "puxo en perigo a vida dos lexisladores estadounidenses".

As e os congresistas que integran este comité recomendan ao Departamento de Xustiza estadounidense que axuíce Trump e mais os seus colaboradores máis estreitos no marco desta causa pola presunta comisión de até catro delitos: obstrución dun procedemento oficial, conspiración para defraudar os EUA, conspiración para facer unha declaración falsa e incitación, asistencia ou axuda a unha insurrección.

Aliás, propoñen unha serie de recomendacións á Cámara para evitar que un suceso semellante poida repetirse no futuro. "Esta investigación debe ser unha chamada de atención a todos os estadounidenses, a fin de protexer atentamente a nosa democracia e dar o noso voto só a aqueles que defenden a nosa Constitución", apunta no prólogo a presidenta saínte do Congreso, a demócrata Nancy Pelosi.

Entre esas suxestións figura unha posíbel inhabilitación a Donald Trump, así como aos seus colaboradores implicados, para evitar que poida volver exercer cargo público ningún, cuestión amparada pola decimocuarta emenda da Constitución, referida a quen participase dun acto de insurrección.

A inhabilitación botaría o freo en seco ás aspiracións do magnate, que en novembro pasado ratificou a súa intención de presentarse ás eleccións presidenciais de 2024, após vencer en 2016 e perder en 2020. Esa última derrota, dixo, significou "só o comezo" para "rescatar o soño americano".

Comentarios