Trump anuncia a súa candidatura ás eleccións presidenciais de 2024 nos Estados Unidos

Os republicanos, a piques de controlar a Cámara de Representantes ante o avance no escrutinio, que os deixa a apenas un escano de obter a maioría na cámara baixa. Mentres os republicanos continúan a debater sobre uns resultados por baixos das expectativas, o ex presidente Trump lanza a campaña para tratar de volver á Presidencia en 2024.
O presidente dos EUA, Donald Trump. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente dos EUA, Donald Trump. (Foto: Europa Press)

O ex presidente dos Estados Unidos (EUA) entre 2017 e 2021, Donald Trump, fixo público na madrugada de onte que presentará a súa candidatura nos comicios presidenciais de 2024, nos que, previsibelmente, se repetiría o enfrontamento de 2020 co actual mandatario, Joe Biden.

Reiterando que a derrota no anterior proceso significou “só o comezo” por “rescatar o soño americano”, Trump insistiu na súa proposta de facer que os EUA sexan “grandes e gloriosos outra vez”.

Entrementres, Biden defendeu que "Trump fallou aos EUA", e cualificouno como o único presidente "moderno que deixa a Presidencia con menos postos de traballo que cando chegou".

Amais de ser investigado no Congreso polo intento de golpe de Estado de xaneiro de 2021, que tería apoiado, tamén están en marcha procesos xudiciais polo seu comportamento nos comicios, nos que denunciou sen probas fraude do seu rival, por fraude fiscal ou por non devolver ao final do seu mandato documentos confidenciais.

Malia que aínda non presentou a súa candidatura, medios conservadores dos EUA dan por seguro que un dos seus contrincantes nas primarias republicanas será o gobernador de Florida Ron DeSantis, que recibiu o apoio de varios líderes da formación, inmersa nun debate sobre se o papel de Trump foi un dos detonantes dos resultados electorais por debaixo das expectativas nas eleccións intermedias que decorreron a terza feira da semana pasada.

Esta división tamén levou á candidatura onte do senador de Florida Rick Scott para substituír a Mitch McConnell como o seu líder no Senado. Porén, McConnell foi reelixido para a posición polas senadoras e senadores republicanos.

Eleccións intermedias

Nas votacións, o Senado mantívose baixo o control do Partido Demócrata de Biden, cando menos durante dous anos. En cambio, os republicanos están moi perto de asegurarse o control da Cámara de Representantes, que lles podería permitir bloquear a acción lexislativa do Executivo. Ao feche desta edición, tiñan certificados 217 asentos -a un da maioría- por 209 demócratas.

A medida que avanza o reconto tamén se confirman os resultados de diversos referendos que se votaron ao tempo, como a vitoria en Illinois dunha emenda á Constitución estatal na que se garante o dereito á negociación colectiva, ou a aprobación en varias cidades de medidas para construír vivendas a un prezo accesíbel ou protexer as persoas que alugan da suba dos prezos.

Comentarios