Trump pide ao Partido Republicano quitar os fondos á Xustiza e ao FBI

Trump insiste na denuncia de interferencia nos comicios de 2024 a raíz da súa imputación por 34 delitos tras, segundo a Fiscalía, conspirar "para socavar as eleccións" de 2016 que o levaron á Presidencia.

Donald Trump a cuarta feira. (Foto: Campaña electoral de Donald Trump)
photo_camera Donald Trump na madrugada da cuarta feira. (Foto: Campaña electoral de Donald Trump)

“O noso país estase indo ao inferno”, defendeu na madrugada de onte o ex presidente dos Estados Unidos Donald Trump (2017-2021), após regresar a Florida tras entregarse no Tribunal Penal de Manhattan, en Nova York, e declararse inocente dos 34 delitos de falsificación de rexistros comerciais que se lle imputan, vinculados con pagos a dúas mulleres para ocultar unha relación sentimental cando xa estaba casado, o que Trump nega.

Insistindo en que “nunca pensei que algo así puidera acontecer nos Estados Unidos”, o ex mandatario, o primeiro acusado cun cargo penal, aseverou que “o único delito que cometín é defender sen medo a nosa nación”, reiterando que “este caso falso presentouse só para interferir coas próximas eleccións de 2024 e debe retirarse de inmediato”.

Tamén se fixo eco das acusacións doutros integrantes do Partido Republicano, que amais de responsabilizar da imputación o fiscal demócrata Alvin Bragg culparon a George Soros dunha “interferencia electoral masiva nunha escala nunca antes vista no noso país”, alertando que no mandato do actual presidente Joe Biden podería “desencadearse unha terceira guerra mundial nuclear total”.

Ao tempo, a cuarta feira pediu á formación republicana que acabe co financiamento do Departamento de Xustiza e da Axencia Federal de Investigación (FBI) estadounidense “até que entren en razón”, destacando que o Partido Demócrata converteu a Xustiza “nunha arma” para influír nas eleccións a través dun “abuso de poder”.

Acusación contra Trump

Pola súa parte, Bragg subliñou que “non se poden normalizar delitos tan graves”, explicando que se trata de “34 rexistros de negocios e 34 declaracións falsas” para intentar “ocultar unha conduta criminal”, que aplicando a pena máxima de todos os delitos elevaríase a máis dun século de prisión.

A Fiscalía debullou que nos comicios de 2016, nos que se impuxo Trump, “conspirou para socavar as eleccións ao tratar de suprimir información que podería danar a súa candidatura”, recolle AP, pagando tanto ás dúas mulleres que o acusaron como a un porteiro da Torre Trump que transmitiu que coñecía un fillo de Trump froito dunha relación fóra do matrimonio.

Ademais, o maxistrado Juan Merchan advertiu a Trump que se debe abster de efectuar comentarios que poidan derivar en disturbios, despois de que a filla do xuíz se vira involucrada no xuízo ao denunciar os republicanos que traballou para políticos demócratas.

Comentarios