O terremoto en Turquía deixa xa máis de 22.000 persoas falecidas

A OMS denuncia que "o mundo esqueceuse de Siria" tras as críticas sirias e da ONU ao repartimento de axuda humanitaria. Damasco sinalara que nin Washington nin Bruxelas ofreceron axuda, mentres algúns países da UE reducen o envío de axuda humanitaria ao noroeste sirio, controlado pola oposición que lideran grupos terroristas co apoio turco contra o Goberno de al Assad.
Funeral polas vítimas a sexta feira en Gaza, Palestina. (Foto: Ashraf Amra / APA)
photo_camera Funeral polas vítimas a sexta feira en Gaza, Palestina. (Foto: Ashraf Amra / APA)

Malia rescates heroicos, como o que se produciu onte en Iskenderun, Turquía, após atopar unha persoa viva entre os cascallos 110 horas despois dos terremotos, o saldo mortal dos sismos que afectaron o sur turco e o norte de Siria a segunda feira segue a aumentar, á hora de feche desta edición as autoridades de ambos os dous países confirmaran máis de 22.000 óbitos, 19.388 en Turquía e 3.377 en Siria.

A diferenza entre a axuda humanitaria recibida por Ancara e Damasco -este último país informou de que non recibiu ningunha axuda nin dos Estados Unidos nin da Unión Europea (UE), cuxas sancións dificultan ademais a chegada de asistencia- levou a Mike Ryan, o director executivo do Programa de Emerxencias Sanitarias da Organización Mundial da Saúde a denunciar que o “mundo esqueceuse de Siria”.

Tamén entidades como a Organización das Nacións Unidas (ONU) reclamaron que non se exclúa Siria das axudas internacionais, máis necesarias se cabe no seu caso pola destrución do país tras máis dunha década de guerra.

Despois das críticas a nivel internacional de países como Rusia ou a China, algúns Estados da UE aprobaron o envío de axuda mais só ao noroeste do país, onde a oposición liderada por grupos terroristas e aliada con Turquía mantén o último bastión fóra do control do Executivo de Bachar al Assad.

Nese sentido, Washington abriu unha fenda nas sancións que bloquean as transaccións financeiras con Siria, permitindo durante 180 días transferencias só para financiar a axuda polo terremoto, indicou SANA, que reiterou que “as medidas coercitivas occidentais causan sufrimento ao pobo sirio, xa que golpean todos os aspectos da vida e os sectores vitais e de servizos”.

Karam Shaar, economista do Instituto de Oriente Medio, sinalou que a medida terá un “impacto positivo limitado”.

Asemade, o Goberno sirio aprobou a entrega de axuda en todo o país por medio da ONU, a Media Lúa Vermella siria e a Cruz Vermella Internacional. Precisamente para axudar os superviventes, o Programa Mundial de Alimentos da ONU solicitou 72 millóns de euros para alimentar 874.000 persoas en Turquía e Siria.

Xa en Ancara, as críticas contra o presidente Recep Tayyip Erdogan continúan, cuestionando amais da ineficaz resposta as construcións no país, pois medios como a BBC corroboraron como edificios inaugurados nos últimos anos tamén se viñeron abaixo a pesar de que en teoría estarían preparados para sismos deste nivel.

Comentarios