Máis de 16.000 decesos polos sismos na fronteira turca con Siria

Entrementres aumenta o número de mortes confirmadas polos terremotos, o Goberno de Erdogan en Turquía trata de silenciar as críticas ao Executivo coa vista posta nas eleccións de maio.
Centos de edificios foron reducidos a cascallos en Siria e Turquía. (Fotos: Anas Alkharboutli e Anne Pollmann / DPA)
photo_camera Centos de edificios foron reducidos a cascallos en Siria e Turquía. (Fotos: Anas Alkharboutli e Anne Pollmann / DPA)

A última actualización procedente de Turquía e Siria eleva a máis de 16.000, 12.873 no lado turco e 3.162 na beira siria da fronteira, o número de vítimas mortais polos terremotos de 7,8 e 7,6 graos na escala de Richter da pasada segunda feira.  de vítimas mortais polos terremotos de 7,8 e 7,6 graos na escala de Richter da pasada segunda feira. A Organización Mundial da Saúde estimou que arredor de 20.000 persoas podería ter morto como resultado dos sismos e das máis de 300 réplicas, e cifrou en 23 millóns as persoas afectadas.

A pesar de que nas últimas horas se desenvolveron rescates de crianzas e adultos que aguantaron até 50 horas baixo os cascallos dos milleiros de edificios que se viñeron abaixo en Turquía e Siria co movemento de terra, a onda de frío na rexión e o paso das horas converte as operacións de rescate en misións para recuperar os cadáveres, sinalou Al Jazeera.

O presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, estivo nas zonas afectadas após as críticas sobre a xestión do desastre, que para o Executivo son determinantes tendo en conta que os comicios presidenciais e lexislativos decorrerán o 14 de maio, polo que trata de silencialas.

A Asociación de Estudos de Medios e Dereito denunciou que “aos xornalistas de Diyarbakir [a capital kurda] estáselles a impedir cubrir os edificios colapsados” por orde gobernamental. Un xornalista de Evrensel chegou a ser detido só por tomar fotografías das zonas afectadas.

Amais, a Fiscalía de Istambul iniciou unha investigación contra dous xornalistas por considerar desinformación as súas noticias sobre a ineficaz resposta do Gabinete de Erdogan, por este mesmo motivo 90 persoas están a ser investigadas e catro foron detidas.

Tanto expertos como superviventes cuestionaron “que non se prestou asistencia a varias zonas devastadas e non se usou ás Forzas Armadas de forma eficaz”, recolle Balkan Insight.

En Siria, o ministro de Exteriores, Faisal Al-Mekdad, denunciou que os Estados Unidos xunta países aliados ameazan con sancións a terceiros países se colaboran co Goberno sirio, o que profunda a destrucción causada polos sismos após case 12 anos de guerra. Tamén subliñou que as sancións impostas tanto por Washington como por Bruxelas impiden que os medicamentos e a axuda humanitaria poida chegar ao país.

Despois dos reportes de que boa parte da axuda -principalmente dos países occidentais- se está a dirixir principalmente a Turquía, o coordinador de axuda humanitaria das Nacións Unidas, Jens Laerke, sostivo que “é moi importante deixar de lado a política” e tratar a traxedia “como unha cuestión estritamente humanitaria”.

Comentarios