Erdogan anuncia un ataque terrestre "tan pronto como sexa posíbel" contra as forzas kurdas no Iraq e Siria

Turquía ratifica unha escalada militar ao facer público que lanzarán un ataque terrestre contra as forzas kurdas en Siria e o Iraq, mentres Rusia e os EUA piden contención tras anos de ocupación turca na rexión. 
Edificios destruídos por un ataque turco contra Derik (Kurdistán sirio), a segunda feira. (Foto: YPG)
photo_camera Edificios destruídos por un ataque turco contra Derik (Kurdistán sirio), a segunda feira. (Foto: YPG)

“Sabede que, tan pronto sexa posíbel, erradicarémolos a todos, xunto cos nosos tanques e soldados”, indicou a terza feira o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, confirmando que están a programar o comezo dun ataque terrestre contra as forzas kurdas no norte de Siria e do Iraq, tras iniciar o sábado unha operación con bombardeos aéreos nesa zona.

O ministro de Defensa de Turquía, Hulusi Akar, sinalou que desde o comezo da ofensiva 184 persoas, que cualificou de terroristas, faleceron ou ficaron feridas, defendendo que “agora é o momento de render contas”, en referencia ao atentado do 13 de novembro cunha bomba en Istambul no que faleceron seis persoas, que Ancara atribúe ao Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) e ás Unidades de Protección Popular (YPG), que agrupa as principais organizacións no territorio kurdo no Estado sirio. Así e todo, estas formacións rexeitaron as acusacións e deixaron entrever que podería tratarse dun ataque de falsa bandeira para xustificar as operacións militares en marcha.

Pola súa parte, o Centro de Medios das YPG informou de que até seis soldados turcos morreron durante os combates en defensa do territorio, arredor dunha ducia desde o inicio das hostilidades, ademais, denunciou que Turquía está a usar bombas e armas químicas vetadas polas leis internacionais.

Só onte, a axencia North Press comunicou que foi bombardeado un centro médico no leste de Kobane. Tamén foron reportados ataques a campos petrolíferos e media ducia de aldeas a até 70 quilómetros da fronteira turca, traslada ANHA.

Desde as YPG aseguran que o obxectivo de Turquía é “unha limpeza étnica dos kurdos, queren matar a xente que derrotou o Estado Islámico para que o Estado Islámico poida revivir”. Para Turquía, que mantén ilegalizado o PKK, o movemento de liberación kurdo é definido como terrorista, argüíndo a existencia no país dunha soa cultura.

A principal oposición no interior do Estado chegou de parte do Partido Democrático dos Pobos (HDP), que reiterou que o “norte e leste de Siria non é unha ameaza para a seguridade senón unha esperanza para a humanidade”, criticando a ofensiva militar.

Mentres, o enviado especial ruso en Siria, Alexander Lavrentiev, reclamou a Ancara “certa moderación para evitar unha escalada de tensión”, subliñando que fixeron todo o posíbel para evitar a operación militar e que non foron avisados previamente por Turquía. 

Ancara non informa Moscova

Nese sentido, Tass informa de que as autoridades turcas reiteraron que non actualizarán Moscova das súas accións -un día despois de criticar o Kremlin por non garantir a ausencia de terrorismo no norte de Siria, como asinaran nun acordo en 2019-, en cambio, están en contacto con Siria, un dos principais aliados de Rusia.

Os choques entre o Goberno sirio que encabeza Bashar al-Assad e as forzas kurdas -que xa permitiron Ancara facerse con Afrin en 2019- levaron a que Damasco aínda non condenara os ataques; a pesar diso, Sana reporta que foi observada unha columna militar siria en dirección á fronteira con Turquía. Asemade, o Executivo transmitiu que soldados sirios foron vítimas dos bombardeos turcos.

Ademais dos Estados Unidos (EUA), países como Alemaña tamén solicitaron Ancara que evite escalar a situación.

A ocupación turca no norte de Siria comezou en 2016 por medio de distintas operacións para tratar de crear unha franxa de 30 km no lado sirio da fronteira, obxectivo apoiado pola Organización do Tratado do Atlántico Norte, da que Turquía é membro. A maior ofensiva foi a de 2019, cando se lanzou a ocupar zonas kurdas perante o abandono das tropas dos EUA da área, afirmando que amais dunha marxe de seguridade buscan recolocar na rexión algúns dos millóns de refuxiados sirios que permanecen en Turquía, así como evitar a proclamación dun Estado kurdo en Siria.

O Iraq condena os ataques

A diferenza de Siria, o Goberno do Iraq condenou a agresión turca na rexión autónoma do Kurdistán, cualificándoa de “violación da soberanía iraquí e un acto que contravén as convencións e leis internacionais que regulan as relacións entre os países”.

Asemade, o primeiro ministro Mohamed Shia al Sudani reuniuse con Nechirvan Barzani, presidente da rexión, comprometéndose a traballar “para evitar o uso do territorio iraquí como unha plataforma para atacar calquera país veciño”.

Do mesmo xeito que en Siria, Ancara tamén conta con territorio ocupado no Kurdistán iraquí desde 2008, con posterioridade á invasión estadounidense de 2003, que foi ampliando paseniño até contar con múltiples bases militares na zona, xustificándose na loita contra o PKK.

En xullo, Bagdad levou ao Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas unha protesta polos continuos bombardeos do Exército turco, tras a morte de 23 persoas por un ataque de artillería contra un hotel. Aínda así, a alianza do Partido Democrático do Kurdistán iraquí de Barzani con Turquía -tamén conta co apoio dos EUA- motivou que en anteriores ofensivas apoiara as ambicións turcas en contra do PKK, que considera un rival político.

A rexión tamén está a sufrir bombardeos das Forzas Armadas de Irán. A Garda Revolucionaria sostivo que onte lanzaron unha nova vaga de ataques contra as forzas kurdas iranianas no territorio iraquí.

Comentarios