Siria denuncia que os Estados Unidos e a UE non ofreceron axuda despois dos terremotos

Case 21.000 mortes polos efectos dos sismos, recolle a última actualización das autoridades turcas e sirias, mentres, Damasco reporta que os países occidentais non lle ofreceron axuda, canalizando apenas cara á Turquía a asistencia humanitaria.
Rescate en Hatay, Turquía. (Foto: Berkcan Zengin / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Rescate en Hatay, Turquía. (Foto: Berkcan Zengin / Zuma Press / ContactoPhoto)

“Aceptamos a asistencia de Occidente, e se os Estados Unidos e a Unión Europea ofrecen axuda a aceptaríamos, pero non ofreceron ningunha a pesar do chamamento da Cruz Vermella Internacional”, indicou onte Bouzeina Shaaban, asesora especial da Presidencia siria.

Ademais, sinalou que Occidente apoia os terroristas nas áreas fóra do control do Estado sirio, despreocupándose da maioría da poboación. En paralelo, tras as denuncias das autoridades sirias de que as sancións unilaterais de Washington e Bruxelas estaban a impedir a chegada de asistencia humanitaria despois dos terremotos que afectaron a segunda feira Turquía e Siria, a Asemblea do Pobo de Siria emitiu un comunicado no que reclama a fin das sancións, que xunto á guerra “debilitaron en gran medida o sistema de capacidades locais e afectou negativamente as evacuacións, salvamento, socorro e primeiros auxilios”.

Nese sentido, o voceiro do Ministerio de Exteriores chinés, Mao Ning, exixiu aos Estados Unidos que acabe coas sancións unilaterais contra Siria para “abrir as portas á axuda humanitaria”. Diversas institucións como a Organización das Nacións Unidas solicitaron após os sismos que a asistencia humanitaria non se vexa afectada polas diverxencias políticas.

Aínda así, a meirande parte da axuda, especialmente dos países occidentais, foi dirixida só a Turquía. O último en reiterar que non colaboraría co Executivo sirio foi o presidente francés, Emmanuel Macron.

Xa no noroeste sirio, no último territorio da oposición liderada por organizacións terroristas que se opoñen co apoio turco ao Goberno de Bachar al Assad, e onde Ancara ten máis de 100 bases militares, esta quinta feira chegou o primeiro convoi de axuda das Nacións Unidas desde o desastre, fechado polo mal estado das estradas despois dos movementos de terra.

As autoridades locais insistiran en que isto non impediu que desde o primeiro sismo Turquía enviara por esa vía os cadáveres de persoas sirias falecidas nese país.

En Turquía, após o intento do Executivo de Recep Tayyip Erdogan de silenciar as críticas á resposta gobernamental pola súa ineficacia, o presidente recoñeceu “carencias” e a rede social Twitter volveu funcionar no país despois do bloqueo ao que foi sometido polas autoridades por suposta desinformación, a pesar do seu uso para coordinar rescates tras os terremotos.

O número de persoas falecidas polos efectos dos sismos e das máis de 300 réplicas posteriores sube a máis de 20.000, recolle o último reporte transmitido onte polos dous países, 17.406 en Turquía e 3.317 en Siria.

Comentarios