Suecia fecha a investigación sobre os atentados contra o gasoduto Nord Stream

As explosións foron na zona económica exclusiva sueca e dinamarquesa.
Fuga no Nord Stream após o atentado. (Foto: The Swedish Coast Guard / Europa Press / Contacto)
photo_camera Fuga no Nord Stream após o atentado. (Foto: The Swedish Coast Guard / Europa Press / Contacto)

Mats Ljungqvist, fiscal sueco encargado da investigación arredor do atentado en 2022 contra os gasodutos Nord Stream, que unen Rusia con Alemaña, ratificou hoxe que “a xurisdición sueca non se aplica” neste caso, polo que procederon a fechalo. O representante do Ministerio Público insistiu en que “houbo cooperación internacional con varios países” durante as pescudas, “sobre todo con Dinamarca e Alemaña”.

Reiterando que carecen de competencias nas explosións no mar Báltico, asegurou que o principal obxectivo da investigación foi determinar se estaban implicadas persoas suecas e se foi usado o seu territorio no atentado, concluíndo que non foi así.

A Fiscalía de Suecia confirmara con anterioridade que constituíu unha “sabotaxe grave”, así como que “a suposición principal é que hai un Estado detrás disto”. Pola súa parte, a Policía dinamarquesa sostivo que “en breve” efectuará un anuncio sobre a súa propia investigación, que aínda está en marcha, igual que a de Alemaña.

O voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, afirmou que “é notábel que [a investigación] se detivera desa maneira”, agardando que Alemaña “actúe” o antes posíbel ao ser o “gran perdedor” dun ataque que cualifican como terrorismo.

Moscova acusou en distintas ocasións Washington de estar detrás ou instigar o atentado. De feito, os Estados Unidos foi o principal beneficiario da fin das subministracións a través do gasoduto, ao incrementar a cota de mercado na Unión Europea do seu gas natural, máis caro ao ser transportado por vía marítima.

Entrementres, varias presuntas filtracións recollidas por medios occidentais responsabilizan Ucraína do acontecido.

Comentarios