Dinamarca e Suecia, en alerta após detectar tres fugas de gas case simultáneas no Nord Stream

"É unha situación sen precedentes e pode ser perigosa para o transporte marítimo", precisa a operadora gasista.
Sistema de canalizacións do Nord Stream 1. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sistema de canalizacións do Nord Stream 1. (Foto: Europa Press)

O Ministerio de Clima, Enerxía e Abastecemento de Dinamarca vén de alertar de até tres fugas producidas nas últimas horas nos gasodutos Nord Stream 1 e 2 ao noreste da illa de Bornholm, unha incidencia que pon en vilo o país.

Segundo informa o xornal danés Politiken, as fugas tiveron lugar en augas internacionais, as primeiras na zona baixo xurisdición de Dinamarca e a segunda, na zona económica de Suecia.

"A rotura das tubaxes ocorre rara vez, polo que vemos motivo para aumentar o nivel de emerxencia como resultado dos feitos do último día. Queremos asegurar a vixilancia minuciosa da infraestrutura crítica para reforzar a seguridade do subministro", precisou o Goberno dinamarqués, nun comunicado no que tamén informou da declaración de emerxencia nos sectores eléctrico e gasístico.

Pola súa parte, a compañía operadora dos gasodutos, Nord Stream AG, apuntou esta terza feira que se trata dunha situación "sen precedentes" pola simultaneidade dos feitos.

"Esta noite, o controlador do sitio en terra Nord Stream 2 rexistrou unha forte caída de presión na liña A. Os servizos costeiros de Alemaña, Dinamarca, Suecia, Finlandia e Rusia foron notificados de inmediato. Está a levarse a cabo unha investigación", aseguraron desde Nord Stream.

Aliás, a operadora advertiu que a fuga de gas próxima a Bornholm "pode ser perigosa para o transporte marítimo" xa que, se ben ningún destes gasodutos —precisa Politiken— está actualmente en funcionamento, si conteñen gas.

As autoridades dos países afectados investigan tamén o acontecido, mais apuntan que aínda é "demasiado cedo" para determinar as causas que motivaron estas fugas nos gasodutos.

Comentarios