Unha reportaxe de Seymour Hersh, xornalista gañador do Pulitzer, di que Estados Unidos está detrás da voadura dos gasodutos Nord Stream

Joe Biden decidiu sabotar o gasoduto Nord Stream após máis de nove meses de discusións secretas co equipo de seguridade nacional, segundo o artigo de Hersh, gañador do premio Pulitzer en 1970.

Fuga de gas no mar Báltico por mor das explosións rexistradas no 'Nord Stream' (Foto: Forzas Armadas de Dinamarca).
photo_camera (Foto: Forzas Armadas de Dinamarca)

O xornalista Seymour Hersh fixo esta cuarta feira unha revelación no seu artigo 'Como Estados Unidos eliminou o oleoduto Nord Stream', publicado no seu blogue persoal. Hersh, gañador do premio Pulitzer en 1970, afirmou que foron mergulladores da Mariña estadounidense quen colocaron os explosivos baixo os gasodutos Nord Stream en xuño de 2022.

Segundo unha fonte familiarizada co asunto, a operación levou a cabo baixo a cobertura dos exercicios ‘Baltops 22’ da OTAN. Tres meses máis tarde os dispositivos foron activados de forma remota para destruír os gasodutos.

Como era de esperar, a Casa Branca rexeitou calquera acusación que puidese relacionar EUA coas explosións, a pesar de que Joe Biden vise os gasodutos como un medio que permitiría Vladímir Putin usar "o gas natural como arma para as súas ambicións políticas e territoriais".

Adrienne Watson, unha portavoz da Casa Branca, cualificou tales suposicións como "unha ficción completamente falsa", mentres que Tammy Thorp, portavoz da Axencia Central de Intelixencia (CIA), comentou os feitos de maneira similar, asegurando que "esta afirmación é total e absolutamente falsa", lembra o xornalista.

Segundo o seu artigo, Biden decidiu sabotear o Nord Stream despois de máis de nove meses de discusións secretas co equipo de seguridade nacional de Washington, abordando diferentes maneiras de facelo co fin de atopar a mellor.

"Durante gran parte dese tempo, o problema non era se levar a cabo a misión", senón como levala a cabo sen deixar probas evidentes "de quen era o responsábel", asegurou Hersh. Tendo en conta que as explosións ocorreron no medio das hostilidades entre Moscova e Kiev, calquera "acción que puidese atribuírse á Administración violaría as promesas de EUA de minimizar o conflito directo con Rusia. O secreto era esencial".

A elaboración do plan

A medida que as tensións entre Ucraína e Moscova ían en aumento, a Administración Biden tamén se ía centrando no Nord Stream. "Mentres Europa seguise dependendo dos gasodutos para obter gas natural barato, Washington temía que países como Alemaña fosen remisos a fornecer a Ucraína o diñeiro e as armas que necesitaba para derrotar a Rusia", escribiu o reporteiro, sinalando que "foi nese momento inestábel que Biden autorizou Jake Sullivan [asesor de Seguridade Nacional] a reunir a un grupo interinstitucional para idear un plan".

"O que quedou claro para os participantes, segundo a fonte con coñecemento directo do caso, é que Sullivan tiña a intención de que o grupo presentase un plan para destruír os dous gasodutos Nord Stream, e que estaba a cumprir cos desexos dos presidente", reza o artigo.

Ao principio, a Mariña propuxo utilizar un submarino para asaltar o gasoduto directamente, mentres que a Forza Aérea pensou en lanzar bombas con fusibles retardados que podían activarse de forma remota.

Con todo, a CIA insistiu en que calquera método tería que ser encuberto. "Isto non é cousa de nenos", dixo a fonte, agregando que, se o ataque era rastreábel até Estados Unidos, sería interpretado como "un acto de guerra".

Nese contexto, o equipo de traballo da CIA dedicouse a elaborar un plan para unha operación encuberta que utilizaría mergulladores de augas profundas para provocar unha explosión, a pesar de que ao principio esa idea foi recibida con escepticismo polos membros do grupo interinstitucional.

Un dos factores que lles inquietaba era que as augas do mar Báltico estaban fortemente patrulladas pola Armada rusa e non había plataformas petrolíferas que puidesen usarse como cobertura para unha operación de mergullo.

O operativo

Para poder continuar co plan, os estadounidenses decidiron solicitar axuda a Noruega. "Odiaban os rusos, e a Armada norueguesa estaba chea de magníficos mariñeiros e mergulladores que tiñan xeracións de experiencia na exploración altamente rendible de petróleo e gas en augas profundas", dixo a fonte, agregando que os noruegueses saberían manter o secreto, xa que a destrución do Nord Stream permitiríalles vender moito máis do seu propio gas natural a Europa

En marzo, algúns membros do equipo voaron a Noruega desde EE.UU. para reunirse co Servizo Secreto e a Armada do país nórdico. "Unha das preguntas crave era que lugar exacto do mar Báltico era o mellor para colocar os explosivos", explicou o xornalista. Os noruegueses non decepcionaron e non tardaron en atopar o lugar adecuado.

Posteriormente, decidiuse que se lanzaría ao auga unha sonoboya que emitiría "unha secuencia de sons tonales únicos de baixa frecuencia, moi parecidos aos emitidos por unha frauta ou un piano", que serían recoñecidos polo temporizador co fin de activalo e detonar os gasodutos.

Quen é Hersh?

Seymour Hersh é un famoso xornalista estadounidense gañador do Premio Pulitzer pola súa cobertura da Guerra de Vietnam. O reporteiro foi o azoute dos presidentes de EE.UU. desde a década de 1960 e mesmo unha vez foi descrito polo Partido Republicano como "a cousa máis próxima que ten o xornalismo estadounidense ao terrorismo".

Con apenas 30 anos, falou sobre o masacre de My Lai en Vietnam e foi o primeiro en informar dos bombardeos sobre Cambodia. Destapou a espionaxe da CIA no territorio de EE.UU. contra os activistas que se opoñían á guerra e a trama do golpe de estado contra Salvador Allende en Chile. Os seus artigos tamén axudaron a que Washington restrinxise o seu programa de armas químicas.

Así mesmo, Hersh alertou sobre a falacia das armas nucleares en Iraq e deu a coñecer as torturas no cárcere de Abu Graib.

Comentarios