[VÍDEO] Saen á luz as primeiras imaxes do gasoduto Nord Stream após detectarse fugas no mar Báltico

Segundo a empresa que obtivo as imaxes, “só unha forza extrema pode dobrar metal tan groso da maneira que estamos vendo nos vídeos”.
Fotograma do vídeo que mostra o estado do gasoduto Nord Stream. (Foto: Expressen)
photo_camera Fotograma do vídeo que mostra o estado do gasoduto Nord Stream. (Foto: Expressen)

O xornal sueco Expressen publicou esta terza feira varios vídeos nos que se pode ver o actual estado do gasoduto Nord Stream, canle de distribución de gas desde Rusia a varios países europeos, despois de que o pasado 27 de setembro se detectasen varias fugas no mar Báltico.

Nas imaxes, obtidas con drons submarinos da empresa norueguesa Blueye Robottics, vese como o leito mariño arredor da tubaxe está gretado. Ademais, e segundo afirma a compañía de robótica, desapareceron uns 50 metros de canalización.

“Faltan varias partes do gasoduto e outras están soterradas de maneira violenta”, indicou Expressen nun comunicado, no que tamén salientou que ambos os extremos da tubaxe nos puntos nos que se detectaron as explosións están “retorcidos” e “desgarrados”.

Segundo a empresa, “só unha forza extrema pode dobrar metal tan groso da maneira que estamos vendo nos vídeos”. Estas imaxes reforzarían a teoría de que o gasoduto Nord Stream sufriu unha sabotaxe con artefactos explosivos.

Potentes explosións

Tamén esta terza feira a Policía de Copenhague confirmou que os danos na tubaxe foran producidos por “potentes explosións”, aínda que non manifestou se estas ocorreran de maneira accidental ou premeditada.

Desde o momento no que se detectaron as fugas no mar Báltico, varios países e Rusia cruzaron continuas acusacións sobre a responsabilidade das mesmas. Gobernos como o estadounidense e o polaco, entre outros, acusaron Moscova de ter sabotado o Nord Stream para non ter que subministrar gas natural a países da Unión Europea (UE).

O Kremlin respondeu, a través do portavoz da Presidencia rusa, Dmitri Peskov, a estas acusacións, cualificándoas de "previsibelmente estúpidas". Peskov alegou que "este é un gran problema para nós".

Ademais, o portavoz do Kremlin tamén quixo tratar unha posíbel implicación dos Estados Unidos de América no asunto, manifestando que “hai moitas preguntas sobre o que pasou”. “Estamos a ver os enormes beneficios dos provedores de gas natural licuado dos Estados Unidos, que multiplicaron as súas entregas ao continente europeo”, engadiu.

Comentarios