Unha vintena de estudantes deuse cita esat segunda feira na Zarra da Pena, en Agolada (O Deza), no seu primeiro bioblitz, un evento participativo de ciencia cidadá durante o cal se achegan á contorna máis próxima para facer inventario e rexistrar o maior número posíbel de especies nun tempo determinado.
Convidada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), a rapazada percorreu a pé durante case catro horas boa parte do predio con cuxos propietarios Adega mantén un acordo de custodia do territorio desde 2016 e onde desde entón traballan pola conservación e posta en valor de toda a contorna fluvial.
Riqueza natural
A Zarra da Pena conta cunhas 20 hectáreas distribuídas sobre o terreo en forma de 'U', moi perto do río Arnego, afluente do Ulla, mais tamén cuns dos bosques mixtos mellor conservados da Galiza: os Sobreirais do Arnego, que estenden a riqueza natural propia do clima mediterráneo aos concellos veciños de Lalín e Vila de Cruces.
Neste contorno, rodeadas de sobreiras, salgueiros, carballos, freixos e ameneiros, as estudantes atenderon as explicacións de Itziar Díaz e Ramsés Pérez, os técnicos de Adega encargados de guiar o grupo.
"O que facemos aquí é unha descuberta da biodiversidade, rastrexando en poucas horas o maior número de especies de flora e fauna", sinala Ramsés Pérez a Nós Diario. Segundo destaca, esta experiencia de ciencia cidadá permite a identificación de especies ameazadas que dan valor e "axudan a conservar este espazo natural protexido".
É o caso da Elona Quimperiana ou caracol de Quimper, "unha especie catalogada que, ante posíbeis ameazas, serve para que este lugar acubille maior biodiversidade, interese e protección".
Tamén os morcegos, aos que Ramsés Pérez dedicou tempo antes de afondar no uso cultural de espazos como o Sobreiral do Arnego, onde "sempre se deu un aproveitamento sostíbel da cortiza das sobreiras".
No seu percorrido, as estudantes do Marco do Camballón observaron xestas, codesos e estevas en flor; sentiron cantar un cuco e viron sobrevoar unha anduriña das rochas mentres atendían as explicacións dos membros de Adega que sinalaron "as especies exóticas invasoras e a invasión eólica" como principais ameazas do Sobreiral do Arnego, que na Zarra da Pena convive con bosque de ribeira e queirogais. "Vemos unha reforestación excesiva con piñeiro e eucalipto que xunto aos parques eólicos poñen en perigo a riqueza de todos estes hábitats", conclúe Pérez.
Proxecto Fluviatilis
O bioblitz que Adega organizou no Arnego esta segunda feira, 6 de maio, fai parte do proxecto en rede Fluviatilis, unha iniciativa promovida pola Fundación Biodiversidade (Ministerio para a Transición Ecolóxica), na que ademais da Galiza participan Cantabria, Catalunya, País Valencià e Murcia.
Difundir a riqueza e a problemática que ameza os ecosistemas fluviais é o obxectivo desta iniciativa que tamén contribúe á súa conservación con intervencións de custodia do territorio.