Siria acusa Turquía de apoiar o Estado Islámico e exíxelle que abandone o país

Forzas kurdas piden a implicación de Rusia e os EUA para evitar as agresións turcas. Entrementres, Damasco contextualiza a campaña militar de Ancara como un apoio aos xihadistas do Estado Islámico.
Bashar al-Assad. (Foto: Presidencia de Irán / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Bashar al-Assad. (Foto: Presidencia de Irán / Zuma Press / Contactophoto)

Hakam al Dandi, un dos responsábeis sirios perante a Organización das Nacións Unidas (ONU), sostivo a cuarta feira que “os pretextos preparados polo réxime turco para xustificar os seus ataques contra territorio sirio non enganan a ninguén”, reiterando que a actuación de Ancara constitúe un apoio ao Estado Islámico (ISIS), enfrontado polas forzas kurdas e sirias.

Esta acusación tamén foi lanzada polas Unidades de Protección Popular (YPG), o grupo kurdo que lidera as Forzas Democráticas Sirias (FDS). Mazlum Abdi, líder das FDS, insistiu neste punto advertindo que os ataques turcos contra as posicións da organización en prisións e campamentos nos que están localizados integrantes do ISIS e as súas familias aumentan “o risco de revoltas” xihadistas.

Mentres, al Dandi exixiu a fin “da presenza militar” de Turquía no Kurdistán sirio, cuestionando que algúns dos Estados do Consello de Seguridade da ONU ignoren “os desafíos básicos existentes en Siria a causa do terrorismo, os ataques contra os seus territorios e o aumento do catastrófico sufrimento do pobo polas medidas unilaterais”, en referencia ás sancións impostas polas potencias occidentais, ás que reclamou que “deixen de politizar o traballo humanitario en Siria e cumpran as súas obrigas de entregar financiamento para os plans de resposta humanitaria”.

Ao tempo, criticou o “silencio” do organismo no que atinxe á ocupación dos Altos do Golán por parte de Israel.

Con respecto á operación militar aérea que está a desenvolver Turquía no norte de Siria e do Iraq, Abdi solicitou “unha postura máis firme” dos Estados Unidos e Rusia, próximos a Turquía, “para evitar os ataques”.

Así e todo, fixo fincapé en que no caso de que Ancara despregue unha invasión terrestre, como vén ameazando nos últimos días, “haberá unha guerra extensa que alcanzará todas as fronteiras”.

A campaña militar turca foi xustificada polo presidente do país, Recep Tayyip Erdogan, como unha resposta ao atentado con bomba do pasado 13 de novembro en Istambul, no que perderon a vida seis persoas, que atribúe ao Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) e ás YPG. Estas formacións rexeitaron a acusación e abriron a porta a que fora un ataque de falsa bandeira para escusar a operación contra o Kurdistán.

Turquía busca controlar, xunta os grupos armados cos que está aliada en Siria, unha franxa de 30 km de profundidade no lado sirio da fronteira.

Comentarios