Rusia critica o envío de munición de uranio empobrecido a Ucraína por "inhumana"

"Unha mala nova" para a poboación da zona polas consecuencias da utilización desta munición, cunha vida media de millóns de anos, sostén Moscova.
Dmitri Peskov. (Foto: Vladimir Smirnov / Kremlin / DPA)
photo_camera Dmitri Peskov. (Foto: Vladimir Smirnov / Kremlin / DPA)

A embaixada de Rusia nos Estados Unidos definiu a quinta feira como “un claro signo de inhumanidade” a decisión do Goberno de Joe Biden en Washington de enviar ao Exército de Ucraína proxectís de uranio empobrecido para os tanques Abrams que chegarán no outono. En marzo, o Reino Unido xa subministrara a Kíiv esa mesma munición.

O voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, contestou a medida cualificándoa como unha “mala nova” para a poboación das zonas afectadas pola guerra en Ucraína, e incidiu en que a responsabilidade polas consecuencias do seu uso “recaerán completamente sobre os Estados Unidos” e “todos deben ser conscientes”.

Malia que John Kirby, voceiro do Consello de Seguridade Nacional da Casa Branca reiterou que “moitos Exércitos” as utilizan, Washington fixo un amplo uso delas nas guerras do Golfo ou nos ataques a Iugoslavia co apoio do resto da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Este último conflito foi lembrado por Peskov, que denunciou o incremento de “enfermidades oncolóxicas e outras”, así como que “as secuelas se deixaron sentir nos descendentes de aqueles que estaban na rexión onde se empregaron as armas ou estiveron en contacto con elas”. O uranio empobrecido ten unha vida media de millóns de anos.

A Coalición Internacional para a Prohibición das Armas de Uranio explica que só inhalar po de uranio empobrecido pode provocar cancro e problemas conxénitos, ao tempo, a Fundación Internacional para a Investigación do Cancro coloca Serbia, o territorio de Iugoslavia máis afectado polos bombardeos da OTAN, entre os 20 Estados con maior incidencia de cancro, e é o segundo do mundo cunha maior mortalidade pola doenza, superando os 150 falecementos por cada 100.000 habitantes.

Aínda así, a alianza militar liderada polos Estados Unidos negouse a asumir ningunha responsabilidade ante esa situación, algo que si fixo a Xustiza de Italia, tamén membro da OTAN, mais non coas vítimas, senón cos máis de 300 soldados italianos que morreron de cancro logo de participar no ataque militar.

O anuncio chega tres meses despois do comezo da contraofensiva ucraína, na que as tropas de Kíiv apenas lograron superar a primeira liña de defensas rusas na área de Robotyne, na rexión de Zaporijia.

En paralelo, a OTAN minimizou o achado de cascallos atribuíbeis a un drone en Romanía. O seu secretario xeral, Jens Stoltenberg, afirmou que “non temos ningunha información que indique un ataque intencional por parte de Rusia e estamos a agardar o resultado da investigación".

Comentarios