Remata sen acordo a xuntanza entre Rusia e Turquía sobre a iniciativa de gran do Mar Negro

Erdogan confía nun novo pacto en breve que permita reactivar o acordo do Mar Negro aínda coa falta de entendemento con Putin a segunda feira.
Recep Tayyip Erdogan e Vladimir Putin, a segunda feira. (Foto: Kremlin / DPA)
photo_camera Recep Tayyip Erdogan e Vladimir Putin, a segunda feira. (Foto: Kremlin / DPA)

A pesar de que o presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, adiantou a segunda feira antes do inicio da reunión co seu homólogo de Rusia, Vladimir Putin, na cidade rusa de Sochi, que “creo que a mensaxe que daremos despois da nosa xuntanza constituirá un paso importante para o mundo, especialmente para os países africanos menos desenvoltos”, finalmente o encontro rematou sen un entendemento para reactivar o acordo de exportación de gran ucraíno polo Mar Negro.

O acordo, que permitiu durante un ano a exportación de cereais desde portos ucraínos pola vía acuática tras chegar a un pacto Moscova, Kíiv, Ancara e a Organización das Nacións Unidas, non foi prorrogado en xullo polas autoridades rusas após non implementarse os aspectos do documento referidos á fin dos obstáculos ás exportacións de gran e fertilizantes rusos, afectadas polas sancións impulsadas pola Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Putin afirmou logo da reunión que unha vez que eses apartados se cumpran Moscova volvería “nuns días” á iniciativa, entrementres, Erdogan confiou en atopar en breve unha solución, subliñando que “Ucraína necesita suavizar especialmente os seus enfoques para que sexa posíbel tomar medidas conxuntas con Rusia” e facendo fincapé en que é preciso destinar máis cereais a África e non aos países europeos, tras concentrar a Unión Europea arredor de 40% das importacións polo corredor do Mar Negro.

A canle árabe Al Jazeera citou funcionarios turcos que sostiveron que Erdogan trata de convencer países da OTAN para cumprir o acordo orixinal por medio de suavizar as sancións contra Rusia.

O mandatario ruso tamén confirmou que enviarán un millón de toneladas de cereais a prezo reducido para que sexan remitidas a Estados vulnerábeis após ser procesadas en territorio turco, após facerse público o envío de até 50.000 toneladas gratuítas de gran ruso a seis países africanos.

Asemade, Ucraína denunciou un ataque ruso con drones na rexión de Odesa, e o Ministerio de Asuntos Exteriores de Kíiv defendeu que algúns dos aparatos detonaron no territorio de Romanía, membro da alianza militar liderada polos Estados Unidos.

Porén, Bucarest “desmentiu categoricamente” esta posibilidade e trasladou que os ataques rusos non provocaron ameazas militares directas.

Pola súa parte, Suráfrica informou do resultado dunha investigación independente que resolveu que non hai probas do envío de armas do país a Rusia, como denunciara a embaixada de Washington.

Comentarios