Blinken chega a Kíiv para anunciar a entrega de 930 millóns de euros

O secretario de Estado dos Estados Unidos visita Ucraína por sorpresa.
O titular de Exteriores ucraíno, Dmitro Kuleba, e o seu homólogo dos EUA, Antony Blinken, a cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O titular de Exteriores ucraíno, Dmitro Kuleba, e o seu homólogo dos EUA, Antony Blinken, a cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

Antony Blinken, o secretario de Estado de Washington, aterrou a cuarta feira en Kíiv, a capital ucraína, nunha visita non anunciada de forma previa e na que, segundo trasladou o seu equipo a medios internacionais, vai revelar un novo paquete de axuda a Ucraína de máis de 900 millóns de euros para que “dispoñan daquilo que necesitan para esta fase da batalla”, máis de tres meses despois do comezo da contraofensiva militar, na que apenas lograron avances.

Desde a invasión rusa até o 31 de maio deste ano, os Estados Unidos entregaron a Kíiv case 90.000 millóns de euros, deles, máis de 50.000 corresponden a armamento, recolle un estudo do Kiel Institute. O país americano é o principal apoio de Ucraína, que recibiu até 170.000 millóns de euros dos membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), a alianza militar liderada por Washington.

O voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, respondeu á visita de Blinken cuestionando que os Estados Unidos proseguirán financiando Ucraína “até o último ucraíno”, e salientou que non afectará ao devir do conflito bélico.

Ao respecto das entregas de armamento da OTAN, o ministro de Defensa do Reino Unido, Grant Shapps, confirmou a veracidade dun vídeo no que se amosaba un tanque británico Challenger 2 destruído polas tropas rusas. É a primeira vez que o tanque -de produción limitada- é abatido en combate.

Asemade, as autoridades ucraínas sostiveron que un ataque ruso en Kostiantynivka, na rexión de Donetsk, matou 17 persoas tras impactar nun mercado. O xornal The Guardian advirte que “estas cifras aínda deben ser verificadas de forma independente”, mentres que medios especializados afíns a Rusia como South Front atribúen ao Exército ucraíno o ataque contra a localidade.

Romanía acha pezas dun drone

Pola súa parte, o presidente de Romanía, Klaus Iohannis, ratificou que foron atopadas no seu territorio pezas dun drone, e aseverou que de confirmarse que pertencían a un vehículo non tripulado ruso “sería inadmisíbel e unha grave violación da soberanía e a integridade territorial”.

Poucas horas antes, o mandatario incidira en que “ningunha peza, ningún drone nin ningunha parte dun dispositivo aterrou en Romanía”, logo de negar a comezos de semana a versión de Ucraína, que denunciara a caída dun aparato máis alá das súas fronteiras durante un ataque ruso.

Comentarios