Ramaphosa traslada "motivos de optimismo" para a paz en Ucraína

Aumentan a máis de 50 as mortes confirmadas polas inundacións en Khersón tras a destrución do encoro de Nova Kakhovka.
Cyril Ramaphosa. (Foto: Kremlin / DPA)
photo_camera Cyril Ramaphosa. (Foto: Kremlin / DPA)

Cyril Ramaphosa, presidente de Suráfrica, cualificou a segunda feira de “histórica” a visita ao final da pasada semana dunha delegación de sete países africanos a Ucraína e Rusia para presentar a súa iniciativa de paz aos presidentes Volodimir Zelenski e Vladimir Putin.

A proposta, que “podería contribuír aos esforzos realizados polas partes para pór fin ao conflito”, tivo unha “acollida positiva por parte de ambas as partes”, afirmou o mandatario, que destacou que isto “xera motivos de optimismo sobre a posibilidade de que as propostas sexan consideradas”.

Após salientar que é a “primeira vez que líderes africanos se embarcan nunha misión de paz máis alá das costas do continente”, incidiu en que o non aliñamento no conflito de Ucraína dos países que forman parte da delegación “dálle credibilidade á misión e xerou confianza en ambas as partes”. Asemade, debullou que a iniciativa contempla “unha redución dos combates e o inicio urxente de negociacións, a liberación dos presos de guerra e o retorno das crianzas, un maior apoio humanitario e que se lle dea prioridade aos esforzos de reconstrución”.

Nas xuntanzas con Rusia e Ucraína, Ramaphosa apuntou que “reafirmamos que a soberanía dos países debe ser respectada, en liña cos principios da Carta da Organización das Nacións Unidas (ONU)”, así como que “destacamos a urxente necesidade de que se garanta a seguridade de ambas as nacións”.

Pola súa parte, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, incidiu en que o diálogo coa delegación africana “continuará”, subliñando que “hai certos temas que poden ser implementados”.

Ao respecto, o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte, Jens Stoltenberg, rexeitou que se abran conversas de paz entre Rusia e Ucraína, sostendo que levarían a un acordo “ditado por Rusia”.

No que atinxe ás inundacións posteriores á destrución do encoro de Nova Kakhovka, Moscova elevou o número de persoas falecidas a 35, ao que hai que engadir 16 decesos na zona controlada polos militares ucraínos.

Nese sentido, a ONU criticou Moscova alegando que negou o acceso dos seus equipos humanitarios ao territorio afectado, reclamando que permita o acceso, mentres que Peskov defendeu que os ataques ucraínos contra instalacións e poboación civil fai que “sexa realmente difícil garantir a súa seguridade”.

Brics

Masud Bin Momen, secretario de Relacións Exteriores de Bangladesh, confirmou onte que solicitaron unirse ao grupo Brics, que debaterá en agosto a ampliación.

Comentarios