Ascenden a 77 as persoas feridas polas inundacións en Khersón, en Ucraína

A presa da central hidroeléctrica de Kajovka foi destruída a pasada terza feira, 6 de xuño.

Voluntarios realizan traballos de evacuación de residentes afectados pola inundación en Khersón. (Foto: Europa Press / Contacto / Sergei Chuzavkov)
photo_camera Voluntarios realizan traballos de evacuación de residentes afectados pola inundación en Khersón. (Foto: Europa Press / Contacto / Sergei Chuzavkov)

Ascenden a 77 as persoas feridas polas inundacións en Khersón, na Ucraína, provocadas pola destrución da presa da central hidroeléctrica de Nova Kakhovka, e arredor de 7.000 persoas foron evacuadas.

Até o 10 de xuño, case 7.000 persoas foron evacuadas dos territorios inundados da rexión de Khersón (323 deles eran crianzas e 112 persoas con mobilidade reducida), unhas 902 persoas por día. Do total de evacuadas, perto de 1.500 atópanse en centros de aloxamento temporal. 77 persoas dos territorios afectados foron hospitalizadas en institucións médicas da rexión”, declarou o gobernador de Khersón, Vladimir Saldo, na súa canle oficial de Telegram.

Ademais, Saldo acusou o exército de Ucraína de bombardear zonas nas que se están a levar a cabo rescates e “outros traballos de emerxencia”.

O gobernador asegurou que o nivel da auga continúa baixando no distrito nas disintas zonas da rexión e que están “traballando activamente” no bombeo da auga de sotos, acondicionando rúas e restaurando estacións de subministro de enerxía e rede de sumidoiros.

A presa da central hidroeléctrica de Nova Kahovka, a 60 quilómetros da cidade de Khersón, foi destruída a pasada terza feira, 6 de xuño, provocando a morte de cando menos cinco persoas. As autoridades de ambos os Estados están evacuando os habitantes das zonas afectadas.

Tanto Rusia como Ucraína acusáronse mutuamente da destrución da presa, que pon en perigo o bombeo de auga á central nuclear de Zaporijia, o abastecemento de auga á península de Crimea e a destrución de poboacións e terras de cultivo a ambas as beiras do río.

Comentarios