Putin e Biden volverán abordar a "estabilidade estratéxica" en Europa

Só Reino Unido avala as acusacións dos EUA de que Rusia está a punto de invadir Ucraína, cando se achega unha nova conversa entre os presidentes de Rusia e os EUA para abordar a seguridade en Europa.
Joe Biden a semana pasada. (Foto:  Andrew Dolph / Europa Press)
photo_camera Joe Biden a semana pasada. (Foto: Andrew Dolph / Europa Press)

A piques de cumprirse unha semana da data anunciada polo presidente dos Estados Unidos (EUA), Joe Biden, 16 de febreiro, na que supostamente Rusia invadiría Ucraína, o mandatario estadounidense continúa insistindo na inminencia dun ataque militar que polo de agora non se produciu.

Na súa intervención o domingo perante os medios de comunicación, Biden insistiu en que interceptaron unha orde de ataque do Kremlin en contra de territorio ucraíno, porén, perante a insistencia da prensa para que achegara probas desa afirmación apenas sinalou que teñen “unha capacidade de recolección de Intelixencia significativa”.

Onte, elevaron aínda máis o nivel das acusacións, ao facerse público que Bathsheba Crocker, embaixadora dos EUA na Organización das Nacións Unidas, enviou unha misiva na que acusa Rusia de crear “listas de ucraínos identificados para ser asasinados ou enviados a campamentos tras unha ocupación militar”.

Esta acusación responde as declaracións do presidente ruso, Vladimir Putin, que hai uns días sinalou diante do seu homólogo alemán, Olaf Scholz, que “segundo as nosas estimacións, o que está sucedendo hoxe en Donbass é un xenocidio [perpetrado por Ucraína]”.

Só o Reino Unido está a avalar a nivel internacional as alertas de invasión de parte dos estadounidenses, moderadas pola Unión Europea e negadas tanto por Moscova como por Kiev.

Desde que a sexta feira comezou a evacuación da poboación civil das repúblicas autoproclamadas de Donetsk e Lugansk, arredor de 61.000 persoas xa chegaron a territorio ruso, informou onte o ministro de Emerxencias, Alexander Chupriyan.

Este proceso comezou após a explosión dun coche perto da sede gobernamental en Donetsk, polo que dirixentes dos dous territorios salientaron que Kiev prepara unha ofensiva militar para recuperar o control da zona, o que o Goberno dirixido por Volodimir Zelenski nega.

Malia o aumento das violacións do alto o fogo rexistrados pola Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa na rexión, só o sábado 591 en Donetsk e 975 en Lugansk, observadores internacionais refiren que foi unha tónica habitual desde o comezo do conflito en 2014.

Ademais, está previsto un encontro entre Biden e Putin auspiciado polo presidente francés, Emmanuel Macron, sobre a situación de Ucraína e para falar de “seguridade e estabilidade estratéxica”. O seu contido será preparado nunha xuntanza dos Ministerios de Exteriores ruso e dos EUA a vindeira quinta feira.

Comentarios