Ucraína ábrese a algunhas concesións co fin de rebaixar a tensión con Rusia

O embaixador de Ucraína en Londres retractouse das declaracións en que suxería que Kiev reconsideraría a intención de unirse a OTAN, aínda que insistiu en que se poderían ofrecer outras concesións co fin de rebaixar as tensións con Rusia. 
EuropaPress_4252082_14_february_2022_ukraine_kiev_german_chancellor_olaf_scholz_leaves_the_air
photo_camera Recibimento onte en Kiev ao chanceler alemán, Olaf Scholz, que hoxe se reunirá en Moscova co presidente ruso, Vladimir Putin (Foto: Kay Nietfeld / dpa)

Nunha entrevista onte na BBC, Vadym Prystaiko sinalara que o Goberno ucraíno sería "flexíbel" a respecto desde obxectivo de unirse á Alianza Atlántica. Porén, horas despois aclarou que fora malinterpretado. 

"Neste momento non somos membros da OTAN; para evitar a guerra estamos dispostos a moitas concesións e iso é o que estamos a facer nas conversas cos rusos", manifestou á radiotelevisión pública británica. "Non ten nada que ver coa OTAN, cuxa solicitude de ingreso está consagrada na Constitución", aclarou.

O Kremlin afirmou que se Ucraína renunciase á súa aspiración de unirse a esta alianza militar, axudaría significativamente para resolver as preocupacións de seguridade. O presidente Vladimir Putin tiña previsto manter unha xuntanza onte cos seus ministros de Defensa e de Exteriores. Este último, Sergei Lavrov, asegurou que ve posíbel un acordo con Estados Unidos e a OTAN se "as propostas de Rusia" en materia de seguridade "son escoitadas". Ademais, avogou por continuar coas conversas.

Ampliación da OTAN

Neste sentido, o chanceler de Alemaña, Olaf Scholz, viaxa hoxe a Moscova para se reunir con Putin, tras pasar onte por Kiev. O Goberno alemán, non obstante, comunicou que non agarda resultados concretos desta reunión. Por outra parte, o G7,o grupo das sete grandes economías occidentais, entre as que está Alemaña, ameazou con "cuantiosas" sancións económicas a Rusia se procedía a invadir Ucraína.

Malia as denuncias dos EUA de que Moscova acumulou máis de 100.000 efectivos militares na fronteira, Rusia négao e insiste en que non ten intención de invadir o país veciño, e culpa a "histeria" de Occidente da tensión creada nas últimas semanas. En todo caso, deixou claro que considera achegamento da ex República soviética á OTAN unha ameaza.

A este respecto, tras se reunir onte con presidente ucraíno, Volodymyr Zelenskiy, Scholz asegurou que a día de hoxe non existen "plans" de admitir Ucraína en alianzas occidentais como a OTAN. "Por iso é un tanto peculiar observar que o Goberno ruso está a facer de algo que realmente non está na axenda o tema de grandes problemas políticos", indicou.

A hipotética expansión da OTAN tamén levou o embaixador ruso en Suecia a lanzar unha seria advertencia ante a posibilidade de que o país nórdico pida o seu ingreso. Nunha entrevista ao periódico Aftonbladet, Viktor Tatarintsev dixo que de ningunha maneira Rusia o aceptaría nas actuais circunstancias. 

O aumento da tensión na fronteira ruso-ucraína reavivou o debate en Suecia ─e en Finlandia─ sobre a adhesión á Alianza Atlántica. Tatarintsev asegurou que Rusia non se oporía de non darse as últimas "provocacións" da OTAN e EUA, e advertiu que "canta máis dura sexa a presión de Occidente, máis dura será a resposta rusa".

A respecto da ameaza de sancións contra Moscova, o alto diplomático ruso afirmou: "Desculpe a miña linguaxe, mais impórtannos un carallo as sancións".

Kiev pide calma

Washington volveu insistir nos últimos días en que a invasión é "inminente". Tamén o seu tradicional aliado Reino Unido cualificou a situación de "moi moi perigosa", en palabras do primeiro ministro Boris Johnson. Ademais, numerosos países occidentais recomendaron os seus cidadáns a abandonar ou non viaxar a Ucraína

Porén, o propio Goberno ucraíno asegurou en varias ocasións que non hai evidencias desa "inminencia". Volveuno subliñar o presidente Zelenskiy, tras manter o domingo unha conversa co seu homólogo estadounidense, Joe Biden. 

Tamén o Servizo de Seguridade de Ucraína (SBU, a axencia de intelixencia) fixo un chamamento á "calma" e a "non sucumbir ás provocacións". "O pánico e a desestabilización só benefician os inimigos [...] Todos necesitamos pensar criticamente e verificar calquera información; guiarse por datos de fontes oficiais, non anónimas; aprender a distinguir a verdade das falsificación", pediu. 

Comentarios