O rexeitamento no referendo do 14 de outubro de 61% da poboación australiana, na súa maioría descendentes dos colonos europeos, a incluír na Constitución os pobos orixinarios do país, así como instaurar a Voz, un órgano consultivo sobre os asuntos indíxenas no lexislativo, foi un “acto vergoñento”, “atroz e mesquiño”, denunciaron nunha carta divulgada hoxe numerosos líderes aborixes e organizacións que apoiaron o voto favorábel na consulta.
Após unha semana de silencio, na que as bandeiras aborixes ondearon a media hasta, na misiva subliñan que a decisión perpetúa o colonialismo en Australia, onde os pobos orixinarios teñen unha esperanza de vida menor e unha taxa de pobreza máis alta que o resto da cidadanía.
"Tsunami de racismo"
“Seguiremos loitando para buscar xustiza para os nosos pobos”, reiteraron. Tamén aseguraron que “ningunha reforma da Constitución que inclúa os nosos pobos terá éxito”, e responsabilizaron os medios de comunicación por “desatar un tsunami de racismo” contra eles.
Asemade, acusaron os conservadores Partido Liberal e Partido Nacional por pretender impor “un dano político sen sentido” ao Goberno do progresista Partido Laborista aproveitando o referendo.
Voz, Verdade e Tratado
No futuro, programan crear a súa propia “Voz” para “abordar as causas das inxustizas” contra os pobos orixinarios. O órgano foi a primeira demanda dos pobos indíxenas para un proceso de reconciliación que, defenderon, debería incluír desenvolver un relato histórico dos masacres e agresións contra eles durante a colonización europea e asinar un tratado que regulase a súa relación cos descendentes de colonos.